A subsecretaria de Defensa visita o campus para asinar un protocolo que promove a adscrición da Escola Naval Militar de Marín á Universidade
A subsecretaria de Defensa, María Victoría San José, visita este venres o campus para a sinatura dun protocolo de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Universidade de Vigo que facilitará o desenvolvemento da nova Lei da Carreira Militar pola que se promove a adscrición da Escola Naval Militar de Marín á Universidade.
O reitor, Alberto Gago, será o encargado de asinar por parte da institución viguesa un acordo que ten como principal obxectivo a constitución dun grupo de traballo que estude as necesidades e propoña a normativa pertinente para a creación dun centro universitario da defensa e a súa adscrición á Universidade de Vigo. Trátase de conseguir que os cadetes da escola de Marín cursen unha carreira civil ademais da formación en carreira militar.
Ao acto, que terá lugar ás 11.30 horas na sala de xuntas da Reitoría, acudirá tamén o director xeral de Recrutamento e Ensinanzas Militares, Alberto Barciela Rodríguez, e o almirante xefe de Persoal da Armada, Emilio Nieto.
Unha relación que ven de longo
A estreita relación entre a Escola Naval Militar de Marín e a Universidade de Vigo remóntase a xuño de 1993, data na que se asinou un convenio de cooperación para acrecentar a relación entre as dúas institucións. Ao abeiro deste convenio naceu a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, grazas á cal se teñen desenvolto actividades relacionadas con temas culturais, científicos e humanísticos de promoción conxunta.Dende entón téñense realizado tamén múltiples intercambios de profesorado entre a Universidade e a Escola Naval Militar de Marín co fin de impartir diversas conferencias do ámbito tecnolóxico ao tempo que se ofrece a posibilidade aos estudantes de visitar as instalacións da Escola e buques da Armada equipados con alta tecnoloxía.
No marco da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio existe tamén unha intensa colaboración co Centro de Medidas Electromagnéticas que se traduce na participación do profesorado da E.T.S. de Enxeñeiros de Telecomunicación en grupos de traballo técnicos da OTAN, na creación do doutoramento en Electromagnetismo conxuntamente coas universidades de Santiago, Oviedo e Estremadura, ou no desenvolvemento conxunto de diversos programas de I+D.