Esta tarde, ás 20.30 horas no Principal, "Os figurantes"
"Superheroes de barrio", interpretado pola Aula de Teatro do campus de Vigo, inaugura o paso da MITEU por Pontevedra
Un musical de andar pola casa e con heroes de andar pola casa deu este luns o pistoletazo da saída á undécima edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, no campus de Pontevedra. Da man da Aula de Teatro do campus de Vigo, cunha obra de Jordi Gomar, Superheroes de barrrio, e co fío musical de temas tan recoñecidos como Contamíname (transformado nun Analízate en termos psicolóxicos) ou o Que será (cantado por unha moza que ten que afrontar un embarazo en soltería), o ciclo amosou o bo facer dos actores do mundo universitario.
Na peza, interpretada no salón de actos da Facultade de Belas Artes, os personaxes presentaron a individuos comúns en situacións delicadas da vida. Un home que intenta controlar a súa adicción ao xogo, a complexa relación de dous amantes telefónicos ou dous mozos pegados aos seus ordenadores portátiles que foron quen de combinar a súa amizade vía chat co ritmo do cha-cha-cha... Cada situación soubo arrincar os sorrisos e risos do público congregado no auditorio.
A mostra trasládase ao Teatro Principal
Durante o resto da semana, o punto de encontro dos amantes do teatro no que se converteu a MITEU traslada a súa sé do Teatro Principal. Alí, esta tarde, a partir das 20.30 horas, o grupo teatral do campus representará Os figurantes, de José Sanchos Sinisterra, unha peza que emprega estes personaxes como pretexto para reflexionar sobre as ganas de triunfar, facendo tamén unha chiscadela crítica aos actores e autores de obras teatrais.O mércores será a quenda do grupo de Teatro do Oprimido, da Universidade Lusófona de Guinea Bissau, que interpretará Dicidju de Padida. O convidado internacional deste paso da MITEU polo campus achegará unha proposta na que se deixa ver outro cometido social do teatro. O riscos da sida, a súa prevención e o uso do condón son os temas sobre os que esta obra pretende educar. O 7 de maio, Maricastaña tomará o relevo para interpretar a terceira parte da súa triloxía do Monstro, Hyde, un thriller teatral que asustará, estremecerá e emocionará ao público do Principal. A perspectiva feminina do drama de David Mamet, Edmond, que Carol López Díaz escribiu chegará ao campus ao día seguinte da man do grupo do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela nunha obra dirixida por Xulio Lago, de Teatro do Atlántico. Por último, a MITEU despedirase de Pontevedra con Xogos á hora da sesta, a proposta da aula de teatro da USC, dirixida por Cándido Pazó, que trasladará ao mundo dos cativos as relacións que se establecen no mundo adulto.