DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese de doutoramento aporta datos sobre o tema

O sur de Galicia presenta elevados índices de pacientes con enfermidade de Crohn

Estes doentes presentan mellorías con tratamentos nutricionais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/03/2008
A frecuencia da enfermidade de Crohn no sur de Galicia é elevada situándose en cifras similares a de países setentrionais e moi industrializados como Canadá. Así o demostrou na súa tese de doutoramento Paula Costas Armada, investigadora clínica da Sección de Nutrición do Hospital Universitario de Vigo.
Unha prevalencia de 178.7 casos por cada 100.000 habitantes e unha taxa de incidencia media de 10.53 casos por 100.000 habitantes/ano son algúns dos datos que se desprenderon do estudo. Son cifras pioneiras pois, nunca antes se determinaran para unha área xeográfica tan definida.
Costas, que defendeu a tese no Edificio de Ciencias Experimentais, logrou determinar coa súa investigación o gasto sanitario que xera un paciente con esta enfermidade, o que vai resultar de gran utilidade á hora da organización sanitaria desde un punto de vista económico.

Unha doenza crónica e pouco coñecida

Os poucos datos dispoñibles sobre a frecuencia e tipo de desnutrición que afecta a estes pacientes levaron a esta investigadora a afondar no tema.
A enfermidade de Crohn é unha doenza crónica incluída dentro das enfermidades inflamatorias intestinais que se caracteriza, precisamente, pola inflamación da mucosa intestinal. Entre outros aspectos produce mala absorción, aumento dos requirimentos enerxéticos, diminución do peso e aumento da oxidación dos lípidos, o que repercute no estado nutricional do paciente.
Para determinar a taxa e tipo de desnutrición nestes enfermos a investigadora estudou 98 pacientes. Neles observouse unha alta taxa de desnutrición moderada, destacando a considerable frecuencia de déficits de ferro, “precisamente os niveis de ferro en sangue poderían ser considerados un bo marcador no estado nutricional neste tipo de pacientes”, explicou a investigadora. “En concreto, o 52% presentaban desnutrición e o 36% tiñan déficits de ferro”, continuou.
A investigación permitiu constatar que o paciente desnutrido supón un maior gasto sanitario non só a costa da nutrición artificial, senón polo aumento das hospitalizacións e das consultas aos especialistas. “Estes resultados aconsellan avaliar si a prevención dos trastornos nutricionais tería repercusións favorables sobre o custe/beneficio”, indica Costas.

Mellorías con tratamentos nutricionais

Neste traballo avaliouse tamén a resposta ás terapias nutricionais, observándose que os pacientes non perderon peso, senón que melloraron, tanto no seu estado nutricional como na súa calidade de vida.
“Tras o período de intervención nutricional, nas mulleres produciuse un aumento significativo dos triglicéridos, un descenso do fósforo e unha diminución significativa do índice de actividade. Nos varóns a masa graxa aumentou significativamente e o índice de actividade da enfermidade diminuíu”, explica Costas.