DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As campañas presentáronse este martes en Maside

SYME colabora con tres concellos da provincia en actividades de educación ambiental

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI DUVI 16/09/2008

Fomentar o uso eficiente da auga, o aforro enerxético e a compostaxe doméstica é o obxectivo das novas actividades de educación ambiental que se desenvolverán nos próximos meses nos concellos de Amoeiro, Boborás e Maside coa colaboración da Asociación Medioambiental e Universitaria SYME.
Coas novas campañas, presentadas hoxe no Concello de Maside, preténdese conseguir que a poboación vaia asimilando a importancia do desenvolvemento sostible, inculcar neles a idea de aforro enerxético e fomentar o uso racional da auga coma un ben común pero escaso. Ademais, tratarase de explicar e fomentar o uso e funcionamento dos compostoiros e vermicompostoiros.

Tres xeitos de axudar ao medio natural

A formación e educación no campo do aforro enerxético é unha das mellores armas para poñer freo ao cambio climático dentro das posibilidades de cada individuo como membro da sociedade. Nestes sentido, son moitas as actitudes e actividades que se poden mudar a prol da sostenibilidade, actividades diarias que implican un aforro de auga ou luz importantes para o futuro do planeta. A campaña de Aforro Enerxético e Cambio Climático incide en factores clave como a calefacción, a refrixeración ou a auga quente con consellos para a cociña, a lavadora ou a iluminación das vivendas.
Xunto con esta campaña ampla e xenérica, Syme porá en marcha outra centrada principalmente no Uso eficiente da auga promovendo as boas prácticas entre os habitantes dos tres concellos, tanto na casa como na horta ou no xardín. Dentro desta iniciativa convocarase un concurso no que os participantes haberán de acreditar a redución dun 20% no consumo de auga durante o período 2008-2009.
Finalmente desenvolverase unha serie de actividades para promover e difundir a compostaxe implicando a todos os asistentes neste proceso natural que non require de ningún tipo de enerxía e simplifica a reciclaxe ao tempo de diminúe o impacto ambiental da produción de residuos. Trátase de fomentar a instalación de compostoiros nos domicilios presentando esta actividade como un xeito de reciclar que se pode converter nunha actividade lúdica e estreitamente ligada á xardinería ao tempo que se axuda ao medio natural.