DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é unha das sete universidades que acollen esta iniciativa da Fundación Mapfre e CISE

‘TaleS’ inicia o seu programa formativo para converter en emprendedoras persoas maiores de 50 anos 

Con oito participantes, que desenvolverán no campus as súas ideas de negocio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 04/06/2024

Cunha sesión formativa centrada na creatividade botou a andar este martes na Vicerreitoría do campus a terceira edición do programa de apoio ao emprendemento sénior TaleS, que permite a persoas maiores de 50 anos recibir formación sobre como idear e desenvolver un proxecto empresarial. Da man da Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo, a UVigo participa por segundo ano nesta iniciativa promovida polo Centro de Investigación Ageingnomics da Fundación Mapfre e o Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE), que levará os oito inscritos e inscritas a tomar parte nun programa formativo de 14 semanas, no que poderán desenvolver ideas de negocio coas e optar a participar na final estatal desta rede interuniversitaria de emprendemento sénior, da que forman parte sete universidades españolas.

Con máis de 20 anos de traxectoria na implantación de estratexias de desenvolvemento de negocio e en procesos de innovación e emprendemento, Carmen Costas foi a docente encargada da primeira sesión dunha actividade que nesta edición combinará o seguimento presencial e virtual, como explica a súa coordinadora na UVigo, a profesora da Facultade de Comunicación Montse Vázquez. A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, foi a encargada de inaugurar unha actividade “que encaixa perfectamente nas liñas estratéxicas da Universidade de Vigo”, entre as que se atopan, lembrou, o fomento de emprendemento e contribuír “a unha sociedade máis igualitaria”. Neste punto, Lantarón lembrou que “non deixa de ser unha realidade que as persoas maiores de 50 anos que quedan en paro teñen dificultades para atopar traballo”. De aí que destacase o valor dunha iniciativa que busca achegarlles “as ferramentas necesarias para desenvolver unha idea de negocio”, á vez que incidiu no positivo de que a terceira edición de TaleS bote a andar cunha sesión que centrada no valor da creatividade “para pensar e facer as cousas de distinta maneira”, un enfoque tamén presente, lembrou, no proxecto de especialización Campus Crea. 

A formación continúa ata novembro

Procedentes de diferentes puntos de Galicia, os oito inscritos e inscritas neste programa na UVigo poderán seguir tanto de xeito presencial como virtual as diferentes sesións formativas dun programa no que adquirirán coñecementos sobre metodoloxía Lean Startup, Design Thinking, validación, prototipado ou orientación ao cliente, á vez que conectarán con outros emprendedores, tanto novos como sénior. As e os participantes traballarán “por equipos ou individualmente” no desenvolvemento dunha idea de negocio, “á vez que van vendo distintas metodoloxías de traballo”, explica Vázquez. Coa Vicerreitoría do campus como sede principal nesta edición, o programa pecharase en novembro coa presentación das súas propostas ante o xurado encargado de decidir cal representará á UVigo na final estatal de TaleS, na que optar ao premio ao mellor proxecto, que conta cunha dotación económica de 1000 euros.