Promovido pola Vicerreitoría, a súa inscrición está aberta a toda a cidadanía
Un taller permitirá afondar nas posibilidades da impresión 3D
Trátase dun curso de 30 horas, que se desenvolverá na EE Forestal nas tardes dos martes
Cun prezo de 26 euros para os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para o resto da cidadanía, este taller limitado a un máximo de 16 prazas responde nese senso “a unha certa demanda das persoas que viñeron ao primeiro, que querían ir un pouco máis aló”, como sinala o técnico Vicente López Díaz, Txapu, responsable de impartir este taller xunto co técnico dos servizos informáticos Antón Vázquez.
"Contar cuns coñecementos de base non é un requisito para asistir a un taller."
Mais, esta idea non é incompatible coa incorporación de novo alumnado, como sinala o seu responsable, que lembra “que contar cuns coñecementos de base non é un requisito” para asistir a un taller que, engade, en caso de reunir a alumnado con diferentes graos de manexo deste tipo de dispositivos, articularíase en diferentes grupos.
De carácter fundamentalmente práctico, o propósito central do taller, explica López Díaz, é que as e os asistentes, unha vez conten cuns coñecementos introdutorios, poidan “centrarse en imprimir propiamente”, de tal xeito que coñezan as potencialidades deste tipo de tecnoloxías realizando diferentes probas e prototipos. Nese senso, un dos aspectos a abordar será coñecer o funcionamento doutro tipo de filamentos máis alá dos que centraron o anterior obradoiro, ABS e PLA, e poidan comprobar as posibilidades doutros materiais como o PETF, que se emprega en obxectos vinculados á alimentación, ou as combinacións de ABS con fibra de carbono, cobre, aluminio ou madeira. “Estas mesturas dánche por exemplo uns acabados distintos sen ter que pintalos, pero tamén che permiten gañar en flexibilidade, resistencia ou durabilidade”, sinala Txapu, de materiais que “amplían o abano de posibilidades” duns dispositivos, lembra, cada día máis estendidos.
Así mesmo, outro dos propósitos do curso é abordar como se poden “aforrar custos”, mudando os parámetros de construción que permiten dar unha maior dureza a algunhas pezas e deixar ocas outras por dentro, xa que, lembra, “xa que non é o mesmo facer un boneco que unha chave inglesa”. Do mesmo xeito, o propio proceso de experimentar coas impresoras estará aberto ás propias demandas e necesidades do alumnado. “No primeiro obradoiro, un reparou un microondas e outro unha cortacéspede coas pezas que fixemos”, relatan os responsable dunha taller que nese senso buscará “que o que fagamos sirva para algo, ver que necesidades teñen eles e tratar de deseñar as pezas que lles poidan facer falta”.