DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa correu a cargo da ONG Amarante e Teatro Marañón

Teatro e información para combater a explotación dos traballadores téxtiles nas Olimpíadas de Beijing

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 21/02/2008

A Oficina de Voluntariado presentou polas aulas do campus a campaña Xoga Limpo 2008 do que a ONG Amarante é responsable en Galicia e que se acaba de lanzar dentro do programa Roupa Limpa. A iniciativa denuncia a precariedade laboral das persoas que traballan no sector téxtil nos países do sur e neste caso concreto, en China, onde este ano se celebran as Olimpíadas.
A actividade de sensibilización foi introducida nas clases por sorpresa polo grupo de Teatro Marañón, colaborador da campaña. A través de tres sketches feitos por Luis Iglesias e Laura Míguez, os alumnos viron a febre do consumismo e da compra de roupa sen control, trasladáronse a unha fábrica na que os ricos explotaban aos máis pobres e asistiron a un partido de fútbol no que se fixo patente a tolería polas marcas deportivas.
Despois, Eva Gil, da ONG Amarante foi a encargada de impartir unha charla na que explicou que “Xoga Limpo está centrada nos Xogos Olímpicos de Beijing deste ano, e o que busca é reivindicar unha mellora das condicións dos traballadores do téxtil e esixir responsabilidade tanto ás multinacionais como aos Comités Olímpicos que son os que conceden as licencias para os productos das Olimpíadas nun espazo de tanta repercusión mundial” dixo.

Xoga Limpo nas Olimpíadas

A campaña, coa que colaboran sobre todo países europeos, xa se fixo nos Xogos Olímpicos de Atenas, onde tamén participaron a ONG Oxfam e sindicatos internacionais. Neste caso dáse unha circunstancia máis rechamante xa que “China é a gran productora do téxtil e os artigos para as Olimpíadas fabrícanse no mesmo sitio porque xa hai unha infraestrutura, non coma noutras ocasións que a producción estaba deslocalizada en China, Marrocos ou Blangladesh como é habitual” comentou Eva.
En canto ás marcas que non respectan as condicións consideradas dignas de traballo estarían, segundo Amarante, todas as deportivas: “Nike, Adidas, ou Reebok, por exemplo. Unhas funcionan mellor grazas á presión exercida e outras peor, pero que funcionen ben aínda non hai polo que temos que seguir traballando” comentou a representante da ONG. Pola súa banda as empresas galegas, segundo denuncia Eva Gil, tampouco se salvarían, “Inditex ou Adolfo Domínguez non teñen delegacións en China pero subcontratan empresas alí e entendemos que deben responsabilizarse das condicións nas que traballan” engadiu.
Pero o problema non é só das multinacionais. A nivel individual “temos que tomar conciencia de que ter moita roupa, que ademais nin empregamos, supón a explotación dos traballadores. Hai que mercar de xeito racional, a xente ten a información pero non reduce o consumo” asegura Eva Gil.

A explotación en datos

As conclusións da investigación que a ONG Amarante fixo en China revelan que existe “contratación de menores, non hai contratos, as xornadas laborais son de máis de 12 horas, os salarios están por debaixo do mínimo legal e non se cobran puntuais, múltase á xente por ir ao baño, non hai seguridade nin dereitos, e tampouco sindicatos que os reclamen. Ademais as empresas enganan aos inspectores que envían as multinacionais” apunta Eva Gil.
Ademais, os vindeiros Xogos Olímpicos arroxan novos datos como que por exemplo, “Adidas pagou 70 millóns de dólares só para poder patrocinar as Olimpíadas cando a xente está cobrando miserias” dixo Eva Gil. “Unha mochila co logotipo de Beijing 2008 custa 22 euros mentres que o salario base dos fabricantes é de 2,36 euros ao día. Ou a entrada á cerimonia, que custa ao redor de 468 euros, o soldo íntegro de 4 meses dun traballador pequinés” engadiu.