DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un grupo de estudantes realiza unha viaxe de estudos para asistir a varias representacións

Teatro de preto e como experiencia académica

Son alumnado de Filoloxía Hispánica e do Máster en Artes Escénicas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/06/2010

Máis aló das actividades culturais e complementarias, para algúns estudantes da Universidade o teatro conforma unha materia máis de estudo e mesmo para algúns posiblemente o seu futuro laboral. Para achegarse un pouco máis de preto a esta disciplina artística, un grupo de alumnas e alumnos de Filoloxía Hispánica e do Máster en Artes Escénicas realizaron nos pasados días unha viaxe de estudos a Madrid co obxectivo de asistir á representación da obra dramática de Francisco Nieva Tórtolas, crepúsculo y … telón. Coa profesora Carmen Luna á cabeza, o grupo pasou varios día na capital ao longo dos que puideron tamén visitar museos e exposicións.

Unha práctica fundamental

Segundo apunta a docente, que imparte as materias de Literatura española do século XVIII e Literatura hispanoamericana. Introdución, ambas de Filoloxía Hispánica, e Teatro Latinoamericano Contemporáneo do Máster en Artes Escénicas, “considero que unha práctica fundamental para o alumnado de Filoloxía Hispánica, así como do Máster de Artes Escénicas é a visita a todos aqueles centros culturais e de investigación que posúan ou sexan recursos para as súas futuras investigacións”.
A principal finalidade da visita de estudos foi a asistencia ao Centro Dramático Nacional á estrea baixo a dirección de Francisco Nieva a súa obra Tórtolas, crepúsculo y…telón. De especial interese para os alumnos do Máster en Artes Escénicas, segundo apunta a profesora Luna “sentados nas primeiras filas cegounos o decorado dun teatro dentro do teatro e puidemos apreciar as características desta obra primeiriza de Nieva (1953) que el enmarca, na clasificación que fai do seu propio teatro, dentro das obras de Farsa y Calamidad. Agora, ao regreso a Vigo tócalles analizar os cambios efectuados polo propio autor entre a súa primeira versión de 1953 e esta de 2010.
Aos estudantes, esta experiencia serviulles para “comprobar o afastado que Francisco Nieva se atopa do crepúsculo da súa dilatada carreira como director e dramaturgo e o preto que está, sen embargo, do éxito tras o pano”, en palabras dunha das alumnas do master, Mónica Molanes Rial. A modo de exercicio, destaca como un dos aspectos máis salientables da obra a escenografía e apunta que José Hernández foi quen de “reconstruír maxistralmente as ruínas dun vello teatro que consigue envolvernos nunha atmosfera entre decadente e espectral que impregna a escena”.
Sobre a interpretación, Molanes destaca o traballo de Manuel de Blas como Senedian, que ademais do gran traballo corporal e vocal que se aprecia, “soubo transmitir con gran precisión a riqueza interior dun dos personaxes máis interesantes e misteriosos da obra”. Con todo, entre os alumnos tamén hai lugar para críticas e segundo apunta Mónica Molanes, “a excesiva duración da peza e o ritmo lento que predomina en algunhas escenas chega a cansarnos”. Ademais apunta que a interacción co público “tan só se chega a conseguir nas últimas escenas cando unha chuvia de carbón nos alcanza”. Sen embargo, explica que o ritmo volve a acelerarse ao final con algunhas das mellores escenas do espectáculo e define a peza “como unha sátira sobre a pugna entre o teatro antigo e o moderno, chea de chiscadelas metateatrais e frases enxeñosas, un teatro da palabra, como dixo o propio Nieva, que nos fai rir e pensar, que nos leva á reflexión. Afortunadamente”.

Outras visitas culturais e académicas

Esta determinación foi a que guiou a expedición que como apunta a propia Carmen Luna “é imprescindible que coñezan os fondos bibliográficos e recursos das bibliotecas ás que deberán acudir nas súas investigacións”. Así, ao longo dos tres días achegáronse tamén á Biblioteca Nacional, na que realizaron unha visita guiada especialmente dirixida a alumnos de Filoloxía onde se lles explicou as distintas formas de acceso dependendo dos intereses (consulta, investigación), as bases de datos e dixitalizacións recentes de revistas literarias, así como a súa forma de consulta, uso de microfilmes, etc. Na zona da hemeroteca “prepararon especialmente para nosa visita facsímiles das revistas literarias españolas máis significativas como a Gaceta ou o Mercurio”, explica Luna.
Outra das visitas realizadas “por estar moi ligada aos contidos impartidos en clase durante este ano, tanto en Literatura do século XVIII como en Literatura hispanoamericana” foi á exposición Corona y arqueología en el Siglo De las Luces. Organizada por Patrimonio Nacional coa colaboración especial da Real Academia da Historia a mostra recolle a través de 150 obras como se impulsou e desenvolveu a arqueoloxía e o estudo das antigüidades, durante o reinado dos Borbóns. As obras seleccionadas proceden de coleccións de Patrimonio Nacional, a Real Academia da Historia, Real Academia de Belas Artes de San Fernando, o Museo Nacional do Prado, o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo de América, a Biblioteca Nacional, o Arquivo Xeral de Indias e o Patronato de la Alhambra. “Particularmente interesantes para nós foron as pezas procedentes da cultura maia, como un calendario de enormes dimensións e una estela, pezas das que xa faláramos no curso de Literatura Hispanoamericana”.
Outra institución visitada foi a Casa de América no Palacio de Linares de grande importancia histórica a principios do XIX e que actualmente acolle a Casa de América, institución que efectúa unha gran actividade cultural (pase de películas, conferencias, seminarios, exposicións) sobre América Latina.