Na Festa de Campus 2008
Teatro, xogos deportivos, cine e actuacións musicais deron a benvida a todos os alumnos
O partido de fútbol científico e o concerto de "Catpeople" foron as iniciativas que espertaron maior
As diferentes escolas e facultades do campus da Xunqueira mudaron por un día o seu aspecto habitual de xeito que en lugar de estudantes, cargando libros e entrando nas aulas, chamaba a atención as actuacións teatrais nos comedores de Ciencias Sociais e de Forestais, a sesión de monólogos en Fisioterapia ou os estudantes xogando ao floorball, o mazaball ou frisbee en Ciencias da Educación e do Deporte. Tratábase da Festa de Campus, unha iniciativa da Área de Extensión Cultural e Estudantes para dar a benvida a todos os alumnos e “para que se coñezan entre eles e que comecemos con ánimo e forza o curso”, explicou a directora da área, Ana Belén Fernández Souto. Ademais, engadiu a responsable da Área de Extensión Cultural que, “a maioría dos rapaces soamente coñecen o seu centro e con tal motivo non se relacionan con alumnos dos outros edificios, por iso un dos obxectivos da festa é o de dar a coñecer cada unha das escolas e facultades entre todos”.
Actividades temáticas en cada centro
Ao longo de todo o día os estudantes participaron nas diferentes actividades organizadas, sendo as deportivas e os concertos da noite o que máis interese espertou entre os asistentes. Pero estas non foron as únicas, senón que desde a Vicerreitoría preparánose accións en cada centro tendo en conta as titulacións que se imparten en cada un deles. Deste xeito, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu a proxección do filme O concursante, unha comedia coa que os asistentes coñeceron a historia dun profesor de Historia que gaña un premio de lotería que muda a súa vida. Pola súa banda, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte os alumnos puideron poñer a proba a súa forma física participando en diferentes xogos durante a tarde como o freesbee, un disco voador que tiñan que introducir por un aro a 2,5 metros de altura, o floorball, un xogo similar ao hockey, ou o mazaball, no que os rapaces intentaban introducir a pelota na portería cunhas mazas acolchadas. Sen dúbida, a actividade que más interese espertou entre os alumnos foi o partido de fútbol científico que se xogou no Pavillón Universitario e onde o obxectivo era meter goles coa cabeza. O equipo gañador de cada competición deportiva recibiu un premio dun cheque regalo por valor de 300 euros en material deportivo que poden canxear en calquera sucursal da cadea Piñeiro Sport.Na EU de Fisioterapia e na EU de Enxeñaría Técnica Forestal houbo actuacións teatrais e sesións de monólogos relacionadas coa actividade que nelas se imparte.