DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Empréganse en refrixerantes e disolventes

Unha tese afonda nun tipo de compostos químicos que non danan o ozono

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 16/01/2008
Refrixerantes, disolventes de produtos de limpeza ou propelentes de aerosois son algúns dos usos nos que se empregan os “hidrofluoroéteres” (HFE) e sobre eles realizou a súa tese de doutoramento o investigador Javier Cendón. O esforzo mereceu un sobresaliente cum laude.
A tese, dirixida polos profesores José Luis Legido e Manuel Martínez, estuda algunhas propiedades termofísicas de mesturas a presión desta substancia con octano. “O interese nestes compostos débese ás súas propiedades medio ambientais, xa que non danan o ozono e a súa contribución ao efecto invernadoiro é moi inferior á dos antigos clorofluorocarbonos. Tamén os fai interesantes a súa versatilidade desde o punto de vista industrial, como fluídos de baixo impacto ambiental”, destaca Cendón.
Entre as propiedades físicas dos HFE Cendón destaca tamén a súa baixa toxicidade e o bo comportamento como disolventes, así como o seu amplo rango de temperaturas en estado líquido e a súa alta densidade.

O autor

Javier Cendón (Vigo, 1969) é doutor en Física pola Universidade de Vigo e, dende 1998, a súa ocupación é a de profesor de secundaria nun colexio concertado de Vigo.
É socio numerario da «Real Sociedad Española de Física» e membro do «Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia» (Colexio Profesional da Educación).