DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo M. A. Zabalza, catedrático de Didáctica

Titorizacións individualizadas e manexo de novas tecnoloxías, claves para acadar unha docencia de calidade

O autor defende unha educación baseada na aprendizaxe, non no ensino

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 18/01/2008

Para ser un bo docente non chega con ter capacidade de planificar o curso, seleccionar e presentar os contidos do xeito axeitado e explicalos de forma comprensible. É necesario ter capacidade de reflexión sobre o que se está a facer, manexar as novas tecnoloxías, ser capaz de traballar en equipo, ter boas relacións cos alumnos e facerlles un bo proceso de titorización.
Estas son algunha das ideas que defendeu o catedrático de Didáctica da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Ángel Zabalza, nunha conferencia na que abordou os novos retos que terá que afrontar a universidade para adaptarse aos novos tempos e, con el, ao EEES. O acto, encadrado dentro do ciclo A docencia universitaria, tivo lugar este venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Segundo este experto en Pedagoxía as novas xeracións non están preparadas para recibir grandes cantidades de información vía verbal, polo que os docentes deben tentar chegar a eles a través de outro tipo de vías, como son as novas tecnoloxías. Como exemplo da súa importancia Zabalza mencionou que, “coas titorías tradicionais apenas acudían alumnos, só algún en datas próximas aos exames, sen embargo, co novo formato virtual recíbense correos a diario para resolver dúbidas”.
Con respecto ao comentario xeralizado entre docentes universitarios da deficiente formación coa que os estudantes chegan ás aulas universitarias, Zabalda destacou que
“os nosos alumnos son distintos a como eramos nós, veñen peor preparados en determinadas materias pero saben moito máis doutras, como a informática ou os idiomas. Habería que sacarlle o máximo partido a estas novas fortalezas”, comentaba.

Unha nova educación baseada na aprendizaxe, non no ensino

Na súa intervención, o catedrático quixo destacar que co novo sistema de créditos ECTS “o que se intenta é chegar a un tipo de educación que non se centre no ensino, senón na aprendizaxe, con titorías obrigatorias, seminarios, talleres... novas formas que nos permitan supervisar a aprendizaxe dos nosos estudantes”.
Para este autor, o labor fundamental que ten que asumir o profesor universitario é o de docente, fronte á investigación. Por outra banda, o papel do alumnado vaise ver modificado xa que se esperará del un certo grado de autonomía e que asuma parte da responsabilidade dentro do seu proceso educativo.

Dez trazos dun ensino universitario de calidade

A modo de código pedagóxico, Zabalza sinalou dez aspectos que, dende o seu punto de vista, son básicos para lograr un ensino universitario de calidade. En primeiro lugar, destacou a importancia de deseñar e planificar a docencia con sentido de proxecto formativo, referíndose á importancia da planificación previa. Seleccionar e presentar os contidos é outro dos puntos claves, pese a estar pouco valorado tradicionalmente.
Elixir contidos interesantes e presentalos de xeito atractivo; incorporar as novas tecnoloxías e recursos diversos, aos que estes estudantes son moito máis receptivos; xestionar axeitadamente os métodos didácticos; relacionarse construtivamente con eles; titorizalos, de xeito que poidan ter un titor que os oriente e siga o seu proceso de aprendizaxe; avalialos, “un dos aspectos no que agora están máis frouxos os docentes”; reflexionar e investigar sobre a propia docencia e implicarse institucionalmente conforman a lista de competencias básicas.
Ao fío da conferencia presentouse o libro Competencias docentes docentes do profesorado universitario. Calidade e desenvolvemento profesional editado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, no que se abordan os novos retos do EEES.