DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os resultados dun estudo experimental presentados nunha tese

O traballo dos intérpretes implica un comportamento fortemente estratéxico para obter o máximo rendemento comunicativo co mínimo esforzo cognitivo

Debido á complexidade da tradución oral simultánea

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/01/2008

O labor dos intérpretes está dominado por un comportamento fortemente estratéxico, rexido, á súa vez, pola lei do mínimo esforzo, é dicir, que busca a obtención do máximo rendemento comunicativo co mínimo esforzo cognitivo. Estas conclusións, que se derivan da complexidade e da presión temporal da tradución oral simultánea, extráense dun estudo experimental sobre o modelo de procesamento da información en interpretación simultánea (IS), obxecto da tese de doutoramento de Luis Alonso Bacigalupe.
Estes datos indican a existencia dun sistema de procesamento da información híbrido, que confirma algunhas suposicións imperantes nas teorías antigas pero ao que se lle engade unha forte compoñente cognitiva e lingüística. Segundo o investigador, trátase dun “sistema sofisticado, no que se alternan e complementan tres modos de procesamento do discurso entrante”, fronte a sistemas anteriores que defenden unha natureza dobre.

A complexidade da interpretación simultánea

A interpretación simultánea é a tradución oral que se realiza ao mesmo tempo que o orador pronuncia o seu discurso e é unha “tarefa cognitiva complexa que inclúe o desenvolvemento de varias actividades de comprensión, memorización e produción dun xeito paralelo no tempo, o que consume, e mesmo en ocasións esgota, boa parte da capacidade dos intérpretes para xestionar as unidades entrantes ou discurso en lingua orixinal”, explica Bacigalupe. Este discurso entrante debe transformarse nun discurso traducido completo e preciso, cun bo uso da lingua, convincente, fluído, ben articulado, cómodo e agradábel de escoitar para os receptores finais. Sometido a unha forte presión temporal, o interprete “necesita atopar solucións inmediatas á morea de problemas que supón a xestión correcta do discurso”.

Un novo modelo de procesamento da información

Os achados de Luis Alonso Bacigalupe sobre o sistema de procesamento da información híbrido serven para conformar unha proposta de modelo descritivo de procesamento da información en interpretación simultánea, que pode empregarse “para o deseño e implementación dos métodos pedagóxicos na aula”. A empregabilidade desta proposta non queda unicamente na súa utilidade para a formación universitaria dos intérpretes, senón que ten repercusións no eido profesional. Segundo explica o investigador, este é “un modelo que lonxe das indefinicións anteriores pode proporcionar respostas ás cuestións básicas que formulan os alumnos nos laboratorios pedagóxicos, como cantas unidades deben entrar no sistema para poder empezar a interpretar, se debe ou non traballar cara unha lingua estranxeira, se debe buscar sempre o significado dos enunciados ou é conveniente intercambiar unidades dun xeito automático”. Así mesmo, apunta que “pódese empregar para o desenvolvemento de métodos específicos de formación para cada par de linguas e dirección de traballo, para animar aos alumnos cara ó uso das estratexias de traballo descritas e advertilos sobre as potenciais interferencias que poden atopar”

Tres niveis no procesamento do discurso entrante

Segundo a investigación realizada por Bacigalupe, no proceso de interpretación simultánea, existen tres niveis diferentes.
No primeiro nivel, o intérprete busca solucións simples a modo de tradución directa e inmediata de unidades léxicas. O segundo nivel é un sistema intermedio, que se caracteriza pola reformulación semiautomática mediante un mecanismo de intercambio de segmentos equivalentes, segundo o investigador “máis complexos que as unidades léxicas” e procedentes do Almacén de Solucións Automáticas, ASA, “un dos almacéns da memoria a longo prazo”. O terceiro nivel é un sistema aínda máis complexo e sofisticado de comprensión do significado profundo dos enunciados, no que a memoria a longo prazo desenvolve un papel esencial, con intervención dos mecanismos de anticipación da información, incluíndo o papel activo dos coñecementos culturais, persoais e contextuais, así como sobre o tema de traballo. “O discurso interpretado xérase só perante a interacción destes tres modos de xestión da información, que se desenvolven en paralelo”.
Esta complexidade é a que provoca que os intérpretes actúen xerando solucións sinxelas. “En primeiro lugar, porque o intercambio directo de unidades aforra esforzo, xa que fai innecesario comprender en profundidade o significado de todos os enunciados, como en formulacións anteriores; e en segundo lugar, porque non se inventan solucións novas todo o tempo, senón que se recuperan e aplican outras xa empregadas no pasado e procedentes do repertorio de solucións preexistentes (ASA)”, explica o investigador.

Traballo de laboratorio

Para determinar o xeito no que os intérpretes procesan a información realizouse un experimento nos laboratorio da Facultade de Filoloxía e Tradución no que tomaron parte oito suxeitos, profesionais de recoñecido prestixio e experiencia internacional e cinco estudantes. O traballo consistiu na interpretación de varios discursos de temática variada e con características igualmente diversas en canto á velocidade de fala do orador. Para a valoración dos datos obtidos fixéronse máis de 200 análises sobre unha mostra de 100 discursos interpretados cunha duración de preto de 22 horas de traballo real.