DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tradución especializada de obras científico-técnicas ao castelán pode optar a premio

O prazo de presentación dos traballos remata o 15 de febreiro do 2008

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Romina Vázquez DUVI 13/12/2007

A terceira edición do Premio Panhispánico de Tradución Especializada, convocado pola Unión Latina e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, está en marcha un ano máis co obxectivo de galardoar as mellores traducións ao castelán de obras científico-técnico-profesionais realizadas por expertos de calquera dos Estados e territorios de lingua oficial española.
Do mesmo xeito, créase un premio rexional para a mellor obra de tradutores procedentes das rexións Norte, que abrangue a México, América Central e o Caribe; a zona Andina, que inclúe Bolivia, Colombia, Ecuador, Perú e Venezuela; o Cono Sur, con Arxentina, Chile, Paraguay e Uruguay, e por último España.
As obras, que terán que ser presentadas antes do 15 de febreiro do 2008, deberán contar obrigatoriamente co castelán como idioma final, pero a lingua de orixe pode ser calquera, sempre que a comisión avaliadora dispoña de persoal cos coñecementos precisos. Outro dos requisitos para participar neste certame é que os traballos a traducir fosen editados en papel ou en soporte dixital a partir do 1 de xaneiro do 2004 e que non fosen presentados en edicións anteriores do concurso.

Dotación dos premios

Un diploma e 8.000 euros será o premio para o gañador deste concurso, mentres que o segundo e terceiro clasificado terán serán recompensados, ademais de co certificado impreso, coa cifra de 5.000 e 3.000 euros, respectivamente.
Os catros galardoados con premios rexionais recibirán 1.000 euros e os tradutores das obras que acaden mención honorífica levarán un diploma e ferramentas de axuda á tradución.
Ademais, todos os galardoados terán pagos os gastos de transporte dende o lugar de residencia ata o sitio onde se entregue o premio. Esta cerimonia terá lugar nun dos países que participan no concurso, e farase no marco dun evento importante de natureza afín a este certame.

http://dtil.unilat.org/panhispanico/index.htm