DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baseada na súa obra “La transformación de una ciudad”

A transformación arquitectónica de Ourense, protagonista dunha conferencia de Mª Victoria Carballo Calero

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 02/02/2008

A decana da Facultade de Historia, María Victoria Carballo Calero impartiu este venres no Clube de Tenis unha conferencia sobre a transformación urbana de Ourense entre a Restauración, en 1880, e o inicio da Guerra Civil, en 1936. Baseándose na súa obra La transformación de una ciudad, analizou os aspectos sociais, culturais, políticos e, sobre todo, arquitectónicos desa etapa fundamental da historia local.
Segundo María Victoria, catedrática de Historia da Arte Contemporánea, “o libro conta, principalmente, a evolución do urbanismo, porque é nese período cando se configura o Ourense actual. É un traballo de investigación dende un punto de vista global: a arquitectura é o tema central pero tamén a prensa, a historia, a sociedade, a cultura ou as mentalidades” explicou. Como discípula de Antonio Bonet Correa, “o verdadeiro estudoso de arquitectura e arte, pretendo ofrecer unha visión íntegra e totalizadora da cidade nun período concreto e clave para a súa historia. Punto de converxencia de camiños campesiños cruzados por unha vía que dende Castela conducía ata a costa, foi ademais dun lugar de paso, sitio de distribución de mercadorías” comentou a decana.
A cidade medieval, con influenzas do barroco, chegara case intacta ao século XIX, “momento no que vai medrar harmonicamente de norte a sur por medio do trazado dunhas rúas rectas estruturadas a partir da Praza Maior que marcaron para sempre o perímetro da cidade” dixo. O punto clave do estudo xurde precisamente neste momento cando “comezaron a construírse edificacións de granito moi ricas en ornamentación que abarcan dende edificios historicistas do neogótico ata outras máis clasicistas, ou outras de corte máis moderno”.
A principios dos anos 20 a cidade medrou por fóra dos límites e converteuse nunha cidade diferente a nivel social e cultural “hai que recordar que foi a etapa da Xeración Nós e que Otero Pedraio ou Vicente Risco reflectiron nas súas obras a transformación dunha cidade dependente do mundo aldeán circundante a unha cidade comercial de servizos, ligada aínda ao medio agrario pero con xeitos de vida de capital e de señorío” comentou. Foi así como a comezos de século culminou a conxugación do cosmopolita e do autóctono no social o que propiciou un cambio total na arquitectura.