A Unidade de Igualdade edita unha guía de recursos para a conciliación da vida persoal e laboral
Informa ás persoas traballadoras das posibilidades das que dispoñen para compaxinar estes dous eidos
Aínda que o eido universitario ten unha forte implicación coa igualdade de xénero, esta contorna replica a dimensión de desigualdade que se observa no resto da sociedade. Segundo os datos recollidos no Observatorio da igualdade da Universidade de Vigo de 2022 publicado pola Unidade de Igualdade, estas desigualdades pódense rastrexar na escala xerárquica (segregación vertical) tanto no persoal docente e investigador (PDI) coma no persoal de administración e servizos (PAS), así como na tradicional división sexual do traballo (segregación horizontal). Os datos amosan que unha das causas da menor presenza das mulleres no mundo científico e nos postos de responsabilidade é o conflito entre a profesión e a fenda de coidados entre mulleres e homes. E é que o principal impedimento da carreira non reside na maternidade, senón na maternidade entendida como unha cuestión feminina e fronte a isto, nas universidades, como noutras institucións, queda pendente avanzar cara a conciliación corresponsable.
Precisamente, para tratar de dar pasos adiante neste eido, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo acaba de publicar A vida no centro. Guía de conciliación da vida persoal, familiar e laboral do persoal da Universidade de Vigo. O obxectivo desta guía é informar ás mulleres e homes que traballan na Universidade de Vigo das posibilidades das que dispoñen para conciliar a súa vida persoal, familiar e laboral, xa que “o eido da conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal é unha das claves para acadar maiores cotas de igualdade entre mulleres e homes na sociedade actual e a Universidade de Vigo debe converterse nun referente para toda a sociedade, a fin de situar a «sostibilidade da vida» no centro da nosa institución e así humanizala”.
Avanzar en dúas direccións
A guía pon de relevo a necesidade de avanzar en dúas direccións. “En primeiro lugar, que as mulleres se poidan realizar na súa carreira profesional. En segundo lugar, que os homes poidan continuar desenvolvendo a súa carreira profesional, pero que tamén asuman de forma equitativa os traballos de coidados”. Para acadar este obxectivo, esta guía apunta é necesaria “reestruturación dos roles e dos estereotipos de xénero asignados para mellorar a igualdade de oportunidades” e destaca a importancia de que “as medidas adoptadas se encamiñen a fomentar unha sociedade máis igualitaria, onde mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades laborais e compartan por igual as tarefas de reprodución da vida”. Precisamente,
Tres bloques
O documento, que se pode consultar na web da Unidade de Igualdade, está estruturado en tres bloques temáticos. O primeiro é unha introdución ao contexto actual desde o que se organiza a vida persoal, familiar e laboral e a incidencia das fendas de xénero na conciliación corresponsable. O segundo bloque aborda as posibilidades de conciliación do PAS e do PDI da Universidade de Vigo, e repasa as licenzas, permisos e outras fórmulas de organización do traballo que facilitan a conciliación corresponsable da vida do persoal da Universidade de Vigo, dende as medidas relacionadas coa xestación, crianza e coidado de menores ata as relativas ao coidado de persoas dependentes. A terceira e última parte deste documento é unha compilación de recursos propios da UVigo, como as escolas infantís, o Campus Camp, as salas de lactación ou os dispensadores de produtos menstruais, e tamén dos servizos públicos dispoñibles nas provincias de Ourense e de Pontevedra para a conciliación corresponsable. E é que como se recolle no propio texto, citando á ecofeminista Yayo Herrero, poñer a vida no centro pasará por «construír políticas, culturas, economías e comunidades que teñan como prioridade garantir unha vida decente, unha vida que mereza a pena vivir para o conxunto das persoas».