DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade, COAG e Caixanova editan unha singular guía do campus de Vigo

O coordinador da obra define o campus como un anaco de cidade nun entorno privilexiado

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 16/10/2007

Queriamos facer algo distinto a un catálogo dunha exposición, pero tamén diferente dun libro dedicado a unha obra de arquitectura ou un conxunto de obras. O que se nos ocorreu foi converter o habitual catálogo nunha singular guía do campus”, así define o arquitecto Xosé Carlos Rodríguez, coordinador da obra, o volume Campus universitario de Vigo.
“Sirva esta guía para comezar un percorrido pola nosa Universidade que nos axude a coñecela, comprendela e converternos en cómplices durante o camiño que queda por percorrer”, sinala o Reitor, Alberto Gago, nun dos textos de introdución.
A iniciativa xurde “ao amparo dun proxecto cultural, froito da colaboración institucional da delegación do COAG en Vigo, a Universidade e Caixanova”, como remarca o propio Salvador Fraga, presidente da Delegación do Colexio Oficial de Arquitectos en Vigo, na presentación do volume.
A celebración do Día Mundial da Arquitectura quixo dedicarse este ano en Vigo ao campus e con tal motivo organizouse unha exposición que recolle a evolución deste espazo nos últimos anos; como complemento ideouse esta peculiar guía. “Cando empezamos a traballar decatámonos de que o campus é moi semellante a unha cidade pois, pese a non selo en estrito senso, si se organiza como tal: ten un centro, o coñecido como Cidade Universitaria, e unha serie de rúas que converxen todas na área central. Así xurdiu a idea de elaborar a guía”, salienta Xosé Carlos Rodríguez.
A elaboración deste volume foi paralela a da exposición. Púxose en marcha no mes de abril cunha reunión coa comisaria da exposición María A. Leboreiro e a coordinadora Alicia Carrera.

Vigo: un campus atípico e privilexiado

Segundo o coordinador da obra, “o campus vigués é un campus atípico. Moitas veces dise que é un campus á imaxe americana pero non o creo, pois normalmente en Estados Unidos os campus están na propia cidade, e o de Vigo está a quince quilómetros do centro. Isto obríganos a ter concentrados unha serie de servizos que de estar máis preto poderían ser compartidos co resto da cidade. O campus vigués é un anaco de cidade nun entorno privilexiado: unha ladeira ao sur onde lle dá o sol todo o día”.
Na guía dáse información para poder percorrer as rúas e coñecer un pouco máis o campus universitario. “O primeiro foi definir cales son as rúas da cidade, algo moi sinxelo porque coinciden cos ámbitos. Unha vez definido isto recompilamos toda a información gráfica, fundamentalmente, dous grupos de fotos, as do fotógrafo Manuel González e do arquitecto Angel Matilla. Ás fotos engadíronse os planos dos distintos edificios. Conseguimos tamén unha foto aérea que editamos para poder así illar o recorrido do resto do campus. A composición é pois a seguinte: unha foto aérea que nos ilustra o recorrido, unha secuencia de planos e outra de fotografías”, explica Xosé Carlos Rodríguez.

Catro ámbitos, catro percorridos

Área arqueolóxica-ámbito humanístico, ámbito xurídico-área central, ámbito tecnolóxico e área central son os catro percorridos que compoñen a guía. “O percorrido do ámbito xurídico ten unha calidade humana enorme. Para calquera persoa interesada en visitar o campus esta rúa é ineludible, sen esquecernos tamén da área central.” Ante a pregunta de por qué este percorrido e non outro, o arquitecto sinala, “porque nel os usuarios son os protagonistas, non a arquitectura”. A guía está editada polo Colexio de Arquitectos e vaise distribuír gratuitamente entre os colexiados, así como nas distintas institucións que participan na exposición: Universidade de Vigo e Caixanova.
A exposición ao abeiro da cal se editou este libro permanecerá aberta ata o vindeiro 4 de novembro na Casa das Artes.