A institución provincial destina 79.000 euros á realización de dez estudos
Universidade e Deputación buscan promover investigacións que contribúan ao desenvolvemento da provincia
Outra liña de axudas céntrase na preparación de candidaturas para proxectos con empresas
Apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Pontevedra e ao coñecemento da súa realidade, así como ao proxecto de especialización Campus Crea. Eses son os obxectivos co programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras promovidas polo persoal investigador dos campus de Vigo e Pontevedra, ás que a Deputación de Pontevedra destina 79.000 euros, ao abeiro dun convenio de colaboración coa UVigo. Dirixidas tamén a contribuír que o persoal investigador máis novo poida pór en marcha os seus proxectos, este programa prevé o desenvolvemento de dez estudos neste 2024. Así mesmo, ao abeiro tamén dun convenio de colaboración, Deputación e Universidade impulsan unha convocatoria de axudas para a preparación de candidaturas coas que o persoal investigador poida solicitar proxectos en concorrencia competitiva en colaboración con empresas. Neste caso, trátase dunha iniciativa financiada con 30.000 euros pola institución provincial, na que se prevé outorgar un máximo de cinco axudas.
Trece liñas de investigación
O programa de axudas a iniciativas investigadoras permitirá financiar “proxectos relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia”, vinculados ás trece liñas recollidas na convocatoria publicada pola Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación. Concretamente, no ámbito das ciencias da saúde, sinálase a investigación en novas estratexias de prevención e promoción da saúde, a medicina e saúde pública e a promoción da educación para a saúde. No eido das ciencias, as liñas propostas son biodiversidade e conservación de hábitats, agrobioloxía ambiental e contaminación en ambientes terrestres e mariños, mentres que no das ciencias sociais figuran outras tres liñas: estudos demográficos, redes sociais e novas tecnoloxías e comunicación e produtos de entretemento activo. Por outra banda, as enerxías renovables, dixitalización e TICs deberán ser o eixe das propostas do ámbito tecnolóxico, mentres que na área de humanidades centraranse na investigación en arte contemporánea, arte, antropoloxía e políticas culturais, no deseño de moda e nas humanidades dixitais.
Dirixidas a novos investigadores e investigadoras
Como recolle esta resolución reitoral, esta iniciativa pretende tamén ser “unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo e que teña máis dificultades para acudir a outras convocatorias, poida poñer en marcha os seus proxectos”. De feito, requírese que os investigadores e investigadoras principais non tiveran liderado previamente ningún outro proxecto "de carácter competitivo de ámbito local, autonómico, estatal ou europeo”, así como que manteñan unha “relación contractual laboral non funcionarial a tempo completo” coa institución académica. Así mesmo, co propósito de “contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia”, terase en consideración “o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas”, á vez que se buscará tamén “potenciar na medida do posible a colaboración entre grupos de investigación de diferentes centros dos campus de Pontevedra e Vigo”.
Estes mesmos criterios recóllense tamén na convocatoria de axudas para a preparación de candidaturas para solicitar proxectos en concorrencia competitiva en colaboración con empresas, que busca tamén contribuír ao desenvolvemento social e económico da provincia de Pontevedra. Dirixida igualmente a financiar proxectos nesas mesmas 13 liñas, a convocatoria prevé a concesión de cinco axudas de 6000 euros, mantendo aberto o prazo de inscrición ata o 5 de xullo, mentres que no caso das axudas a iniciativas investigadoras, este pecharase o xoves 4.