DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co respaldo unánime do Consello de Goberno

A Universidade entra no EEES coa aprobación do plano de estudos do Grao en Belas Artes

Os estudantes determinarán se a implantación será en bloque ou por cursos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/02/2008
O título oficial de Grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo está máis cerca de converterse nunha realidade tralo respaldo unánime do Consello de Goberno ao plano de estudos elaborado polos responsables do centro en colaboración co seu persoal e alumnado. Unha vez aprobado polo Consello de Goberno, o plano será sometido á verificación da ANECA que resolverá, previsiblmente, nun período de tres meses. Caso que o ditame da axencia sexa positivo, a Universidade de Vigo podería implantar o seu primeiro título de grao no curso 2008-2009.
Sen embargo, con anterioridade a súa implantación, deberá determinarse se esta se realiza na totalidade dos cursos ou ano por ano. Será a disposición dos estudantes a pasar ao novo plano a que determine en que prazos se levará a cabo o proceso, polo que haberá que agardar a final do presente curso para adoptar unha decisión.
Para o decano de Belas Artes “con este plano gañamos unha ferramenta moito mellor, máis sinxela e fácil que a anterior”. Considera Barcia que “cun plano de estudos mellor, teremos unha facultade mellor”.

Unanimidade non exenta de debate

A aprobación por unanimidade do novo plano de estudos no Consello de Goberno da Universidade de Vigo non estivo exenta de debate, nunha sesión que comezou cunha intervención da vicerreitoria de Titulacións e Converxencia Europea, na que Carmen García Mateo lembrou o proceso que desembocou na elaboración e posterior aprobación por parte da propia facultade de Belas Artes, a COAG e o Consello Social, do plano de estudos.
Carmen García Mateo que felicitou á facultade por tomar a iniciativa no proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, asegurou que “esta forma de facer as cousas marcará a pauta para outros centros”.
Pola súa banda, na súa primeira intervención, o decano de Belas Artes destacou que o proceso de elaboración do plano de estudos foi moi aberto e transparente, escoitándose a todos para que finalmente fose", dixo Barcia, “un plano asumido por todos, o que é un síntoma de madurez do centro”.
O profesores Legido, Vidal e Rodeiro, así como o decano de Filoloxía, Joaquín Sueiro, foron os encargados nesta sesión extraordinaria do Consello de Goberno de expresar as súas críticas non tanto ao novo plano de estudos de Belas Artes, como a aspectos xerais do proceso de adaptación ao EEES. Neste sentido Legido demandou tanto da consellería de Educación da Xunta de Galicia, como da propia Universidade de Vigo a definición dos marcos normativos que deben rexer este proceso, ao tempo que pediu cautela para evitar que se cren malos precentes.
Máis alá foi nas súas críticas o profesor Vidal que se preguntou "como se pode chegar á situación irracional de aprobar un plano de estudos de grao cando hai normativas pendentes por parte o Ministerio de Educación, a Xunta e a propia Universidade de Vigo".
Pola súa banda Sueiro e Rodeiro centraron cadansúa intervención nas convalidacións entre titulacións da mesma rama de coñecemento.

Adaptación en bloque ou por cursos

O cronograma da aplicación do grao de Belas Artes centrou outra parte do debate previo á aprobación do plano de estudos. Á pregunta formulada por José Luis Legido sobre o proceso de implantación, a vicerreitora de Titulacións, Carmen García Mateo confirmou que a facultade ten claro que quere unha implantación en bloque, pero “non podemos saber ata dentro duns meses cantos alumnos pasarán ao novo plano de estudos. A idea é que os estudantes vexan que é mellor acabar un título novo”.
Pola súa banda o decano de Belas Artes ratificou que queren unha implantación en bloque xa que “ano a ano sería unha agonía”. En calquera caso Barcia amósase optimista “basicamente polo que percibo dos alumnos que participaron moi activamente no proceso de elaboración do novo plano de estudos”.

Máis ditames

Trala aprobación por unanimidade do Consello de Goberno, o plano será remitido este venres ao Consello de Universidades. Pasados uns tres meses a ANECA terá finalizado o proceso de verificación, de xeito que se o plano cumpre cos requisitos esixidos, a Universidade de Vigo poderá implantar o seu primeiro grao o vindeiro curso. Esta condición de pioneiros representa para o decano de Belas Artes “unha satisfacción. Un fai as cousas así e as fai ben, cando está en disposición de facelas. Nós o demostramos e estou moi contento do meu centro”.
En todo o panorama universitario español, xunto a titulación que se imparte no campus de Pontevedra, só a facultade de Belas Artes de Teruel, realizou os trámites precisos para transformarse o vindeiro curso nun título de grao adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior.