DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Semana da Ciencia 2007

A Universidade espalla a ciencia polo campus e a cidade

Con mostras sobre natureza, medio mariño ou nanotecnoloxía

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 09/11/2007

O medio mariño, a bioloxía, a nanotecnoloxía, o medio ambiente ou a astronomía son algunhas das disciplinas que, dentro da programación da Semana da Ciencia, se pretenden achegar dende a Universidade á cidadanía. Esta iniciativa, que se celebra por sexto ano consecutivo a nivel nacional, ten como obxectivo a divulgación e a creación dunha cultura científica asentada sobre o gusto por este tipo de coñecementos que, en moitos casos, non teñen calado na sociedade.
Entre as máis de cen actividades que esta Semana da Ciencia espalla por Galicia, a Universidade de Vigo colabora en seis iniciativas que comprenden conferencias, mostras, visitas a lugares de interese científico e obradoiros. A partir deste luns 12 de novembro e ata o día 18, a ciencia estará ao alcance de todos.

Da vida mariña ao medio ambiente

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla acolle unhas xornadas de divulgación sobre a vida mariña dirixidas principalmente aos escolares da cidade e da comarca e as confrarías. Téntase así dar a coñecer o contorno da illa, a riqueza dos hábitats costeiros, as praias e os fondos xunto coas circunstancias que os ameazan e as posibles medidas de conservación. Ao tempo, estas xornadas pretenden transmitir a necesidade dunha explotación sustentable dos recursos marisqueiros e pesqueiros da ría. Xunto coas visitas, esta actividade conta tamén cunha mostra de acuarios representativos dos hábitats submariños da illa, exposicións e obradoiros científicos.
Xa no campus, a ETSE de Minas tamén se abrirá aos estudantes de ensino secundario para ofrecerlles unha visión próxima e divulgativa das actividades investigadoras científico-tecnolóxicas que se realizan nos laboratorios do centro. Deste xeito preténdese achegar ao público os campos de traballo dunha titulación descoñecida que, na actualidade, se centran sobre todo na xestión de recursos e do medio ambiente. Baixo o título “Esta titulación é unha mina”, englóbanse visitas polos laboratorios do centro e demostracións do traballo de campo, co que os escolares poderán asistir e tomar parte en actividades como a separación de ouro, os módulos demostrativos de manexo de explosivos, o levantamento tridimensional dun edificio ou o emprego dunha cámara termográfica.

Mostras sobre a nanotecnoloxía, a astronomía e a bioloxía

Unha das disciplinas máis revolucionarias e con máis futuro, a nanotecnoloxía, terá tamén un oco dentro destas actividades. A sala de exposicións da Estación de Renfe acollerá, a partir deste luns, unha exposición de fotografía científica sobre o nanomundo. Coordinada polo profesor Luis Liz, esta mostra pretende achegar á cidadanía o enorme potencial da nanotecnoloxía e as súas aplicacións en ámbitos tan diversos como o almacenamento de enerxía en pilas, o tratamento de augas, a diagnose de enfermidades, a construción ou a informática. Así, a sociedade poderá tomar contacto con algo que cada vez estará máis presente nas súas vidas cotiás, e que está baseado na capacidade de traballar con obxectos que son unha millonésima parte de milímetro.
Outro dos eidos que terán cabida nesta Semana da Ciencias será a astronomía. Desta volta, a sétima edición do Obradoiro de Astronomía e Astrofísica que se celebrará en Vilaboa, vai estar especialmente orientada ao traballo en familia. Coordinado pola profesora Ana Ulla, estas xornadas terán un importante compoñente práctico e participativo e, deste xeito, tratará de contribuír á difusión do coñecemento do Cosmos, dos avances e descubrimentos recentes neste campo e das súas pagadas culturais na sociedade. Contando do expertos e investigadores en astronomía e astrofísica, este obradoiro potenciará a intervención simultánea de membros de varias xeracións dunha mesma familia.
As actividades completaranse cun concurso para deseñar e construír unha célula na que poderán tomar parte estudantes de todos os niveis. A exposición das creacións estará aberta ao público no Centro Social Caixanova de maneira que as persoas de distintos graos de formación poidan entender que son e que funcións teñen as células.
Finalmente, da man do profesor Xaime Fandiño, realízase un documental sobre os investigadores galegos con estadías en universidades e centros de investigación norteamericanos que será emitido pola TVG.