DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade, exemplo para a creación de oficinas de I+D en Marrocos

A OTRI participa nun proxecto Tempus asesorando ás institucións marroquís

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/01/2008

Co obxectivo de fomentar a creación de oficinas de I+D no seo das universidades marroquís, dentro do programa Tempus, púxose en marcha o proxecto STIMU (Structuration d’Interfaces marocaines université-entreprise). A Universidade de Vigo toma parte nesta iniciativa, coordinada pola Universidade de Burdeos, asesorando ás cinco institucións norteafricanas implicadas.
Posta en marcha en xaneiro de 2006, esta iniciativa atópase nunha fase de valoración dos plans de viabilidade das universidades de Marrocos, para o que se conta cun xurado internacional no que participa Ángeles López, directora da Oficina de I+D da Universidade. Trátase da etapa final deste programa para o que se convocou un premio dirixido ás institucións educativas que deben presentar os seus proxectos para a creación ou posta en marcha da súa Oficina de Interfaz Universidade-Empresa, equivalente ás oficinas de I+D ou OTRI. O xurado internacional está composto, xunto coa directora da oficina viguesa, por outros 14 membros, entre os que hai varios representantes franceses, unha italiana, representan marroquís da industria e as autoridades ministeriais do país. Unha vez avaliados estes informes, este xoves 24 de xaneiro terá lugar en Casablanca a entrega de premios, acto ao que acudirá a representante da Universidade de Vigo.

Dous anos de experiencia

Ángeles López está vinculada ao proxecto STIMU dende o seu comezo en xaneiro de 2006, cando entrou a formar parte do mesmo para aportar a súa experiencia en transferencia de resultados de investigación nas universidade españolas. No mesmo mes, estivo representando á Universidade na conferencia inaugural do proxecto, que se converteu nunha posta en común das experiencias neste ámbito dos países participantes. A aportación da directora da Oficina de I+D centrouse no caso da RedOTRI, á que pertence como membro da Comisión Executiva e que aglutina ás Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación de 60 universidades españolas.
O obxectivo do proxecto STIMU é a estruturación de dispositivos que poñan en contacto empresas e universidades fomentando a creación de spin-offs ou os contratos de investigación. Esta iniciativa forma parte do programa Tempus, que ten como finalidade favorecer o proceso de reformas sociais e económicas dos países da conca mediterránea.