En outubro e novembro as actividades desenvolveranse nos tres campus
A Universidade e a fundación Menela promoven unhas xornadas de sensibilización cara as persoas con discapacidade psíquica
Unha exposición na Casa Galega da Cultura abre mañá martes o programa
A través de relatorios, obradoiros, conferencias e proxeccións, a Universidade de Vigo conxuntamente coa fundación Menela artellan unha campaña de sensibilización coas persoas con discapacidade psíquica. Coa implicación dos tres campus, as xornadas buscan impulsar a integración social deste colectivo, para o que se conta coa colaboración da fundación dedicada á atención especializada a persoas con trastornos do Espectro Autista e ás súas familias.
Como antesala do programa que se desenvolverá nos campus, dende este martes e ata o xoves desenvolveranse unha serie de iniciativas na cidade de Vigo centradas na relación que se pode establecer entre discapacidade e cultura. A primeira das actividades que se porá en marcha é a exposición internacional Art Exhibition of People with Autism “Colour Dialogues”, que se inaugura ás 19.00h na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura e se poderá visitar ata o 21 de setembro. O mesmo martes, no Centro Social Caixanova a partir das 20.00 h, terá lugar unha conferencia sobre Arte e Autismo, impartida por Laura Esteban, comisaria da exposición e pedagoga.
As actividades centradas na interacción dos discapacitados coa cultura continuarán o mércores coa proxección do filme Maratón, de Yoon-Chul Yeong. Presentado pola actriz Uxía Blanco tamén no Centro Social Caixanova, esta peza afonda no espírito de superación dun rapaz con Autismo de Corea do Sur que adestra para poder participar nunha maratón. O xoves, o concerto da Orquestra Navás-Fundación Menela dará paso ás actividades que se celebrarán nos campus da Universidade a partir do mes de outubro centradas en tres eidos diversos como son Educación e diversidade, Experiencias de integración e Discapacidade psíquica e deporte.
No campus de Ourense
O 7 de outubro o programa destas xornadas trasládase á Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense para afondar na educación e na diversidade. As actividades comezarán pola mañá cunha conferencia sobre a integración do alumnado con necesidades educativas especiais na aula nos distintos niveis educativos, que será impartida polo profesor da Universidade Manuel Ojea e pola profesora de Educación Especial, Nuria Diéguez.Xa pola tarde celebrarase unha mesa redonda sobre integración na que se exporán varios exemplos prácticos como os obradoiros de música e pintura do centro de día Castro Navás e se presentará o libro Contos Soltos, primeiro libro en lingua portuguesa escrito por unha persoa con trastorno do espectro autista, André Vilaça.
O día 8, en Vigo
Centradas na integración sociocultural e laboral, as xornadas continúan o día 8 de outubro na EU de Enxeñaría Técnica Industrial con dúas mesas redondas. A partir das 16.00 h presentaranse varias experiencias neste eido, entre elas as do alumnado con síndrome de Asperger na Universidade de Vigo e o programa Integra na propia institución, que fomenta as prácticas laborais de persoas con discapacidade. A segunda das mesas redondas centrarase na Discapacidade en Galicia: política, educación e emprego e contará coa presenza da vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza; a profesora de Menela, Ana Rodríguez e o responsable de Recursos Humanos de Carrefour, Fernando Álvarez.O peche das xornadas, en Pontevedra
As xornadas de sensibilización rematan no campus de Pontevedra o día 19 de novembro, cunha serie de actividades centradas na relación entre a discapacidade psíquica e o deporte. Trátase de afondar na importancia da actividade física no desenvolvemento de pacientes con algún tipo de minusvalía, para o que se contará coa presenza de Eladio Fernández, do Special Olimpics; Domingo Salinas, da Federación Galega de Deportes para persoas con discapacidade intelectual ou Álvaro Illobre, deportista paralímpico en Sidney 2000 e Beijing 2008. Xunto con eles, intervirán tamén Joaquin Dosil, profesor do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación; José Villanueva, profesor da USC e Antonio Cortés, que falará sobre o patrocino de Gadis a eventos deste tipo en Galicia. O peche das xornadas terá lugar no pavillón universitario cunha exhibición de ximnasia rítmica da man do Club Santiago Apóstol e unha sesión de actividades deportivas organizadas polo Concello de Pontevedra conxuntamente coa Asociación Juan XXIII.Programa das Xornadas de sensibilización cara as persoas con discapacidade psíquica