Presentación do Graduado en Información Técnica do Medicamento
A Universidade da un novo pulo á formación de visitadores técnicos sanitarios
Coa colaboración da farmacéutica Merck
Graduado Universitario en Información Técnica do Medicamento é o título propio que a Universidade de Vigo pon en marcha no campus de Ourense.Trala experiencia precedente do Graduado Superior en Información Técnica do Medicamento, estes estudos, únicos en España destas características, converten á Universidade de Vigo en pioneira neste campo.
O obxectivo deste curso, accesible ás persoas que teñan cursado o bacharelato ou un título profesional, é servir de formación para que se poidan dedicar á visita médica e perfeccionar e actualizar os coñecementos de quen xa exerce esta actividade. Para isto disporán de clases teórico-prácticas cunha carga lectiva de cento oitenta créditos repartidos en tres anos, nos que se inclúe a realización dun proxecto de fin de carreira.
A súa presentación oficial tivo lugar no salón de graos da Facultade de Dereito de Ourense, centro onde se impartirán as clases, e contou coa presenza do presidente do Consello Social, Emilio Atrio; o vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez; a decana de Dereito e directora do título, Inés Iglesias Canle, e o coordinador, Alberto Vaquero, quen comentou que “se intentará axustar o contido deste título para que no futuro sexa un posible grao”. A implantación deste curso vai acompañada da firma dun convenio marco de colaboración entre a propia Universidade e o laboratorio internacional Merck Farma e Química, representado neste acto pola súa presidenta e conselleira delegada en España, Laura González Molero.
Convenio con Merck
Os estudantes deste título propio poderán beneficiarse da recentemente estreada colaboración da Universidade coa farmacéutica Merck, que “abre moitas posibilidades por ser un dos laboratorios máis potentes a nivel nacional”segundo palabras de Vaquero. O beneficio máis palpable para os universitarios será a posibilidade de realizar prácticas externas nesta empresa e acceder á bolsa de traballo que se creará posteriormente, pero ademais este convenio presenta outros aspectos, tales como o desenvolvemento conxunto de proxectos de investigación, organización de actividades académicas, intercambio de publicacións, colaboración en proxectos culturais de interese común ou fomento da construción de residencias universitarias.