A Universidade presenta os seus proxectos de acuicultura na feira internacional ACUI 08
No recinto feiral Fexdega de Vilagarcía entre o 3 e o 5 de xuño
Respaldada polas importantes cifras de visitantes e expositores de anos anteriores, a Feira Internacional de Acuicultura, ACUI 2008, celebra esta vindeira semana a súa terceira edición no recinto feiral Fexdega de Vilagarcía de Arousa. A Universidade de Vigo estará presente neste evento, que se desenvolverá entre o 3 e o 5 de xuño, co obxectivo de promocionar e dar a coñecer os equipos de investigación que traballan no eido da acuicultura ante os axentes implicados neste sector.
Para isto, a Oficina de I+D presentará na feira os traballos e investigacións de dez grupos universitarios, que constitúen unha parte importante da oferta de investigación da Universidade. Estes equipos representan os distintos ámbitos do coñecemento, tanto o científico e o tecnolóxico, como o xurídico-social. Deste xeito preténdese achegar ás empresas, administracións, centros tecnolóxico e persoal de I+D+ as achegas e proxectos destes grupos.
Un dos grupos presentes nesta mostra é o equipo de Estudos do Bentos Mariño, que traballa, entre outros temas na avaliación do impacto ambiental e dos recursos mariños explotables. Xunto con este, en ACUI presentarase o traballo do equipo de Fisioloxía de Peixes e a súa aplicación en Acuicultura e do equipo de Inmunoloxía sobre a resposta inmune e a toxicidade, o uso de anticorpos para a detección de substancias ou a bioloxía molecular. Neste mesmo ámbito, o equipo de Parasitoloxía Mariña afonda na diagnose, patoloxía e control de enfermidade parasitarias en peixes e moluscos de acuicultura, mentres que o equipo Rexenmar se ocupa dos recursos xenéticos mariños.
A representación da Universidade complétase coa equipo de Oceanografía Física, o de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, o equipo de Enxeñaría e Deseño, o grupo G4+, centrado no ámbito da estratexia e a organización empresarial no sector acuícola, e o equipo de Investigacións Económicas en Acuicultura.