DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor da UVigo foi un dos protagonistas dun encontro do Foro Empresa Pontevedra

Universidade e tecido empresarial debaten sobre como fortalecer as súas conexións

Manuel Reigosa sinala o Grao en Enxeñaría de Automoción como exemplo de colaboración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/06/2024

Universidade, empresa e sociedade. Presente e futuro. Ese era o título do encontro, promovido polo Foro Empresa Pontevedra, que este mércores protagonizaron o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e responsables de diferentes organizacións empresariais. Presentado polo presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, este almorzo tiña como obxecto debater sobre as conexións e vías de traballo conxunto entre as institucións académicas e o tecido empresarial e nel o reitor puxo de relevo que a Universidade quere “formar parte das solucións que precisa o país” e contribuír “a mellorar a competitividade das empresas”. Reigosa sinalou nese senso diferentes exemplos de colaboración entre a institución académica e o tecido empresarial, como a posta en marcha o vindeiro curso do Grao en Enxeñaría de Automoción con mención dual. 

Este almorzo contou tamén coas intervencións dos presidentes da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros; Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, José García; Aempe, José María Corujo; e da asociación de pequenas empresas APE Galicia, José Ramón Caldas; así como da presidenta de AJE-Pontevedra, Valeria Giráldez. Centrado na “forma na que a ciencia, a universidade e a empresa deben relacionarse”, como apuntou Pedrosa, a este encontro asistiron tanto representantes do tecido empresarial, como responsables institucionais, así como as vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.  

Catro exemplos de éxito

“Temos o absoluto convencemento de que a colaboración público-privada é o que ten que facer avanzar o país en termos económicos”, subliñou Reigosa, que lembrou que a I+D é unha das “grandes tarefas” da Universidade, que ten tamén entre os seus “obxectivos fundamentais” ser quen de “multiplicar o talento que chega ás nosas aulas” e preparar persoas “que poidan formar parte do tecido económico e social e que permitan construír unha sociedade mellor”. Partindo deste marco, o reitor buscou rebater a idea de que as universidades poidan ser vistas como “transatlánticos aos que nos custa cambiar o ritmo ou a dirección na que nos movemos”, a través de “catro casos de éxito” en materia de formación.  En primeiro termo, lembrou a irrupción da intelixencia artificial e como as tres universidades galegas conseguiron “en tempo récord” pór en marcha tanto un grao interuniversitario en Intelixencia Artificial como un mestrado. Noutro ámbito “que as empresas van demandar no futuro, neste mundo globalizado”, o das relacións internacionais, referiuse ao impulso dun grao compartido coa Universidade da Coruña, á vez que lembrou a posta en marcha en Pontevedra do Grao en Deseño, “que creo que vai servir para xerar riqueza dentro do país” e que se insire no proxecto de especialización Campus Crea.

Finalmente, Reigosa detívose na implantación o vindeiro curso do Grao en Enxeñaría de Automoción, aprobada o pasado venres polo Consello Galego de Universidades e condicionada á resolución de verificación favorable por parte do Consejo de Universidades, xa que se trata “dun bo exemplo do que queremos facer e un bo punto de encontro”. Trátase, lembrou, do primeiro grao con mención dual de Galicia, no que os 20 matriculados e matriculadas realizarán “un curso completo nunha empresa” e en cuxo deseño a Universidade contou co apoio de Stellantis, do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).