Nun foro celebrado este venres na Facultade de Educación e Traballo Social
Universidade e terceiro sector exploran vías de acción conxunta
Nel participaron 22 entidades sociais
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebrou este venres o Foro Galego Universidade-Terceiro Sector. A iniciativa nace como un punto de encontro entre a comunidade académica e as organizacións da economía social que traballan nos procesos de inclusión dos colectivos vulnerables en Galicia. Desde a súa organización, destacaron a boa acollida desta primeira edición, na que estiveron presentes 22 entidades do terceiro sector galego e numerosos profesionais del.
Na súa inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que o campus e a UVigo teñen entre as súas misións primordiais “non só garantir o acceso á educación superior dos colectivos vulnerables, senón que tamén temos a responsabilidade de contribuír a xerar contornas inclusivas, promover o coñecemento a favor da equidade e colaborar activamente á transformación social”. Pola súa banda, Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, puxo en valor o papel do terceiro sector, que cualificou de “excelente”, na atención social en Galicia e na súa cohesión social.
Este papel do terceiro sector tamén foi subliñado por parte de Isabel Mociño e Jesús Deibe Fernández-Simo, decana e vicedecano respectivamente da Facultade de Educación e Traballo Social, e por Carmen Verde, coordinadora do seu Grao de Traballo Social. No seu caso, fixeron fincapé ademais na importancia de establecer foros coma este entre a academia, a profesión e a sociedade, tendo en conta que nesta facultade se forman titulados e tituladas de Educación Social e Traballo Social. O contacto entre o ámbito académico e a profesión que dan iniciativas coma a celebrada este venres, subliñaron, contribúe a dar a estes futuros profesionais “unha formación máis sólida e cunha perspectiva máis ampla das problemáticas da sociedade que terán que atender”.
Fomentando dinámicas de colaboración
O obxectivo deste foro, indicaron desde a súa organización, foi “tratar de establecer sinerxías de colaboración que contribúan á mellora da eficiencia dos procesos de acompañamento das persoas en dificultade social”. Así, na súa programación abordáronse estratexias de investigación na temática do foro, proxectos de aprendizaxe servizo no terceiro sector, a mellora da formación universitaria das figuras profesionais da educación e de traballo social, así como outras posibles vías de colaboración compartidas entre a universidade e as organizacións implicadas nos procesos de inclusión social en Galicia.
A programación arrancou cunha conferencia sobre a aprendizaxe servizo (APS) como unha práctica para o impacto social positivo, a cargo de Susana Pérez, coordinadora do Grupo Galego de APS. Seguiulle unha intervención de Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego da Universidade de Vigo, na que falou da iniciativa Colmea de Ideas, programa de innovación aberta para a incorporación de talento ás organizacións. A xornada continuou cunha mesa redonda sobre dinámicas de colaboración entre universidade e terceiro sector na que participaron Nerea Rivero, da Rede Galega contra a Pobreza; Mónica Viqueira, da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, e Javier Hermida, da Federación Alzhéimer Galicia.
Co obxectivo de fomentar o diálogo entre os axentes participantes, a programación do foro tamén incluíu a realización de grupos de traballo nos que se reflexionou e se fixeron propostas para a acción conxunta entra universidade e terceiro sector. Rematou a actividade realizando conclusións e balance dela coa idea de que a iniciativa teña continuidade no futuro.