DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo afiánzase na vangarda da comunicación social

Publica un volume sobre o traballo xornalístico e o uso correcto da lingua na institución

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 17/12/2007
Se no ano 2000 a Universidade se situou na vangarda da comunicación social coa publicación dun diario dixital como soporte para canalizar a información que xera, este luns deu un paso máis coa presentación do volume Traballo xornalístico na Universidade de Vigo: pautas para un correcto uso da lingua. Con carácter pioneiro na universidade española, o novo volume servirá de guía para os profesionais dos medios pero tamén para toda a comunidade universitaria.
A presentación da obra contou coa presenza de Rodolfo Irago, director de servizos informativos da Cadena Ser, prologuista da obra, e do reitor, Alberto Gago, quen destacou que se trata de “expresar a importancia que lle concedemos á promoción das nosas actividades, a comunicación externa do que internamente fai a Universidade.
Sabemos que hai un déficit importante neste campo e gustaríanos cubrilo, e cubrilo nas mellores condicións posibles”.
Nesta mesma liña Irago tamén apuntou que a publicación “vai servir sobre todo para mellorar a comunicación entre a universidade e a sociedade á que sirve a través dos medios de comunicación. Moitas veces e durante moito tempo a universidade e a sociedade viviron de costas ou, polo menos, había pouca relación. Isto aínda é unha materia pendente pero vaise traballando para mellorar e, neste senso, o labor dos gabinetes de prensa é fundamental, sobre todo, para achegar aos cidadáns o esforzo profesional de toda a comunidade universitaria”.
Irago fixo tamén referencia á controvertida relación entre os xornalistas que traballan nos medios e os que levan a cabo o seu labor nos gabinetes de comunicación. A desconfianza mutua e o exceso de propaganda, sobre todo no ámbito da política, foron os principais motivos sinalados polo xornalista como causantes desta situación.

Tres partes diferenciadas

O libro que hoxe presentamos é algo máis que un libro de estilo”, apuntou Alberto Gago, “ten tres partes moi diferenciadas pero todas de moito interese”. Con estas palabras o reitor fixo referencia aos tres bloques principais que compoñen a obra: o xornalístico, o lingüístico e os anexos, un dicionario e un directorio.
En canto ao eido xornalístico afóndase no que é o Gabinete de Prensa e o Duvi, o Diario Dixital Universidade de Vigo, e faise unha declaración de principios que gobernan tanto o funcionamento do Gabinete de Prensa e dos seus profesionais, como o propio exercicio do xornalismo cibernético.
Na segunda parte ofrécense consellos con respecto ao uso correcto do galego falado e escrito e, xa na terceira, incorpórase un directorio de oficinas e organismos da UVigo e un dicionario básico de terminoloxía empregada habitualmente na Universidade “o cal neste período de tanta reforma pode resultar de moita utilidade”, subliñou o reitor.

Un traballo colectivo

A publicación deste volume é a culminación do traballo colectivo da Área de Comunicación, da Área de Normalización Lingüística e do Gabinete de Prensa. As achegas de cada unha das partes dan forma a este libro que afonda tanto nas tarefas xornalísticas como no ámbito da lingua e a ortografía.
Segundo Jesús Pérez Seoane, director da Área de Comunicación, “no panorama de medios de Galicia somos pioneiros e, sobre todo, no universitario porque somos a primeira universidade que fai un libro de estilo”.
Neste sentido, o libro ten unha dobre vertente: interna e externa. “Esta é unha publicación necesaria para a Universidade, sobre todo para o seu Gabinete de Prensa, porque axuda a solucionar moitas dúbidas que poden xurdir”, subliñou Seoane. Por outra banda, tamén ten unha utilización externa “para os medios que traballan con nós, para uns medios que moitas veces descoñecen o estilo universitario e que, ao mesmo tempo tampouco teñen ningunha referencia sobre escritura en galego”.
No ámbito da lingua e a ortografía, esta publicación tamén conta cunha compoñente innovadora. Segundo explica Xosé Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística, “quixemos facer unha contribución ao uso correcto da lingua de moitos aspectos que non están previstos nas normas e nos que non se mollan nin a Real Academia Galega nin a Real Academia Española porque son usos conflitivos ou incoherentes”. Por riba de todo isto, a aposta é por usos prácticos e “propóñense unha serie de normas de sinxelo cumprimento para que teñamos un estilo de redacción tanto xornalística, como administrativa e académica que sexa áxil, cómoda, práctica e, sobre todo, correcta”.