DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trala aprobación do Consello da Xunta

A Universidade de Vigo impartirá o próximo curso 17 novos títulos enmarcados nos Programas Oficiais de Posgrao

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 13/03/2008

O Consello da Xunta deu este xoves luz verde á implantación no curso 2008-2009 de 17 novos títulos de máster e doutor enmarcados nos Programas Oficiais de Posgrao da Universidade de Vigo, co que xa son máis de trinta os programas adaptados a Europa.
O visto e bo do Consello da Xunta pon o punto e final a un proceso que se iniciou o pasado mes de novembro coa aprobación dos novos títulos polo Consello de Goberno da Universidade e continuou en febreiro coa luz verde do Consello Galego de Universidades. Deste xeito o vindeiro curso 2008/2009 as universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, impartirán un total de 34 novos títulos que se suman aos 71 que xa están en vigor na actualidade.

Oferta máis completa

“Con esta nova oferta reforzamos o carácter profesionalizante dos másters da Universidade de Vigo, xa que do total só un ten perfil investigador”, afirma Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea que tamén incide na importancia de que “así complétanse as ramas”.
Así no ámbito tecnolóxico os títulos que se incorporarán o vindeiro curso serán os de Máster e Doutor en Aplicación de Procesado de Sinal en Comunicacións; Máster en Consultoría de Software Libre; Máster en Tecnoloxías e Procesos na Industria do Automóbil ; Máster en Enxeñaría da Edificación e Construccións Industriais e Máster en Enxeñeiro de Soldadura.
No ámbito xurídico-social incorpóranse á oferta existente o Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial; Máster en Dirección de Empresa Familiar; Máster en Comercio Internacional; Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa; Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade de Contextos Educativos; Máster en Dirección Integrada de Proxectos e Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible.
A oferta para o vindeiro curso complétase co Máster en Edición e o Máster en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega no ámbito humanístico e os títulos de Máster e Doutor en Acuicultura e Máster en Nutrición, ambos pertencentes ao ámbito científico.
“Aínda que cara ao vindeiro curso a oferta amplíase de xeito significativo cubrindo todas as liñas de titulacións de grao, temos que seguir crecendo ata un tope que estará marcado pola oferta e a demanda”, afirma García Mateo.
A vicerreitora insiste no carácter profesionalizante da oferta de máster “cunha duración preferida de 60 créditos ETCS e cunha considerable participación de empresas e institucións para realización de prácticas”.