O Universidade de Vigo de rugby toma alento cunha contundente vitoria ante o Cornellá
O equipo de xadrez suma e segue
Cun contundente 59-0 rematou o partido que esta fin de semana enfrontou no campus ao Universidade de Vigo de Rugby e ao Cornellá, último clasificado do grupo 1 da División de Honra B. O encontro comezou cunha primeira parte bastante frouxa na que se produciron numerosas imprecisións no ataque pero que deixou o partido sentenciado, acadándose no descanso un resultado de 19-0. Deste xeito, a segunda metade trouxo a tranquilidade ao xogo dos vigueses, dándose múltiples apoios do agrado do numeroso público congregado.
O encontro, decisivo para que os vigueses deixasen atrás os postos de cola da clasificación, estivo dirixido polo colexiado vasco Sr. Ruiz, que xa nos primeiros minutos se fixo cos mandos do partido tras a cortar as accións bruscas dos cataláns. Para esta ocasión, o técnico Aníbal Banini contou para a formación do equipo con Gastón, Agustín, Iñaki, Nacho Lobón, Jose Mari, Antonio García, Paco, Maxi, Xose, Santi Boulin, Jon Iker, Aberto, Chuki, Xico e Cachopo e na segunda metade fixo tódolos cambios. A novidade estivo no debut do xogador Maxi Banini, que casou unha grata impresión.
En canto ao resto de partidos dos diferentes equipos do clube, os xuvenís perderon ante o Crat Coruña por 22-21, os cadetes lograron vencen ao Zalaeta Coruña por 22-0 e o grupo sénior trouxo para a casa un empate a 19 tantos ante o Zalaeta Universidad Coruña.
Por outra banda, Rugby no teu barrio, o programa co que o equipo da Universidade trataba de achegar a práctica deste deporte aos máis cativos, deuse por concluído este domingo cunha demostración no pavillón de As Travesas. As anteriores citas tiveran lugar no Berbés e en Bembrive.
O equipo de xadrez suma e segue
O Casa da Xuventude, pechacancelas da categoría, non foi rival para o Universidade de Vigo, que non tivo maiores problemas para anotarse unha nova vitoria. Con relativa comodidade conseguiu sumar os puntos dos catro primeiros taboleiros, pero cedeu punto e medio nos postos que maiores problemas está a ter neste arranque de tempada, o quinto e sexto. As vitorias chegaron de mans de Manuel Pena, Miguel Senlle, Roberto Paramos e do capitán, Pablo García, mentres Avelino Leirós acumulou unha derrota e Ramón Garza un empate.Tras esta xornada, o Universidade de Vigo pasa ao quinto posto da táboa, empatado a puntos co terceiro e cuarto clasificados e por diante do Marcote A.
O equipo escolar tamén está de noraboa trala vitoria desta fin de semana na que destacou o debut de Marina Aguirre e as actuacións de Samuel Villar e Luis Cebrián, que lograron vencer aos seus rivais, só no segundo taboleiro Brais Otero acumulou unha derrota. Deste xeito, o equipo mantense no segundo posto da clasificación xeral, a medio punto do líder, o Breogán B, e xa cunha pequena vantaxe sobre os rivais máis próximos.
A vindeira fin de semana prodúcese un parón na liga galega pola disputa dos campionatos galegos sub-14 e sub-18. A competición retómase o 9 de febreiro e enfrontará aos equipos de maior proxección en Galicia, o Marcote e o Universidade de Vigo.