Universitarios, deportistas e campións
A Universidade recoñece a constancia e o esforzo dos seus deportistas de elite
Se para moitos estudantes resulta difícil compaxinar a vida académica coa práctica deportiva, as complicacións multiplícanse cando falamos de deportistas de elite que, ao tempo que compiten a nivel internacional, cursan estudos universitarios. Ese é o mérito de Lorena Luaces, atleta; Bruno García e Rebeca Mariño, taekwondistas; Teresa Portela e David Mascato, piragüistas e Javier Gómez Noia, triatleta, que ademais de estudantes e deportistas de elite son campións nas súas especialidades.
“Este é un recoñecemento modesto e sinxelo para os vosos méritos deportivos pero queremos que saibades que non estades sos, que na Universidade estamos moi orgullosos dos vosos logros e contades con todo o noso cariño”. Con estas palabras quixo recoñecer o reitor, Alberto Gago, a traxectoria deportiva destes seis estudantes da Universidade que se atopan nos máis altos chanzos do deporte internacional. Con este acto, a institución quere poñer en valor os méritos deportivos, “como poñemos os da docencia e da investigación”, que requiren, como subliñou Gago “a mesma fortaleza e vontade nunha empresa de anos, na que semella que estades sos e non sabedes se ides chegar”. Por ese motivo, o reitor agasallounos coa medalla que se lle outorga ás mellores teses cos premios de doutoramento que sen entregan cada ano no acto de San Tomé de Aquino.
A importancia da formación académica
Poucas semanas despois de rematar para case todos eles a tempada, agora toca comezar o curso académico, un cambio de ritmo máis dos moitos aos que se ven sometidos ao longo do ano. Das competicións de alto nivel aos apuntes, dos adestramentos aos exames e das medallas ás materias aprobadas. Ese é o gran cambio dos últimos anos no deporte de elite, a formación académica de aqueles que practican actividades físicas de xeito profesional e niso coincidiron o reitor e o pai de Javier Gómez Noia, que acudiu ao acto en representación do seu fillo. “Se hai corenta anos en Galicia había 8000 universitarios, na actualidade temos 80000, esa é a gran diferenza”, a compatibilización coa educación superior, “porque os éxitos deportivos teñen unha data de caducidade e a carreira académica estará aí para sempre”, puntualizou Gago.Por este motivo, Salvador Fontán, adestrador de taekwondo salientou que “a clave está, por esta orde, en estudar e adestrar” e puntualizou que aínda que esixe moito este tipo de vida “tamén obteñen satisfaccións que moitos de nós nos teremos na nosa vida, é un mérito extraordinario”.
Unha complicada dualidade
Adestrados por Fontán, Rebeca Mariño e Bruno García, foron dous dos representantes da Universidade na Universiada de Verán 2009 en Belgrado. Agora, ata que comece de volta a competición oficial, toca centrarse nos estudos, no caso de Rebeca, na súa tese de doutoramento tras rematar Ciencias da Actividade Física e do Deporte e no de Bruno, en ir sacado materias de Enxeñaría Técnica Industrial. Ambos coinciden en que, a pesar do moito que se ten andando para compatibilizar a práctica do deporte de elite e a formación académica, aínda se pode facer máis, “con titores persoais, máis flexibilidade nas datas de exames e traballos e un acceso máis doado a apuntamentos”, destacan. Os dous volverán á competición en decembro en Braga, no Campionato de Europa Universitario, no que a Universidade terá unha ampla representación, con taekwondistas en todas as categorías, menos no peso máis baixo masculino. No obxectivo coinciden tamén os dous deportistas e o seu adestrador, “gañar, gañar e gañar”.Precisamente, o reitor fixo unha mención especial ao taekwondo, polo alto rendemento dos deportistas galegos desta disciplina que, “aínda sen a tradición do piragüismo, está a dar resultados moi meritorios, xa na elite mundial”.
O caso de Teresa Portela, prata do Campionato Mundial en K4 500 metros neste ano, e David Mascato, prata tamén en C2, é similar. Veñen de rematar a competición no mes de setembro, “temos a piragua colgada pero non deixamos de adestrar” de cara a volver en febreiro a loitar polos títulos.
Pendentes tamén de rematar a carreira están Lorena Luaces e Javier Gómez Noia. O pai do triatleta quixo salientar a importancia da constancia e de non deixar de lado os estudos, “agora cambiaron moito as cousas, hai moitos medios e moito apoio para poder facer as dúas cousas”.
No acto estivo tamén presente a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, e o director da Área de Estudantes e Deportes, Miguel Ángel Nombela. A vicerreitora quixo salientar tamén as achegas do Servizo de Deportes e a colaboración que prestan a estes universitarios de elite co fin de darlle “visibilidade, axuda e complicidade”, ao tempo que ten como meta normalizar a práctica deportiva entre a comunidade universitaria, “ese non sería un logro pequeno e permitiría que no futuro contásemos con máis deportistas deste nivel”.