DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ciclo que comezará o 3 de novembro intervirá o premio Goldman, Pedro Arrojo

"Universium" mergúllase na dimensión social da política da auga en España

A ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa inaugurará as sesións

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/10/2008

Fiel a súa máxima de abordar un tema da máxima actualidade e interese para a sociedade, o ciclo de conferencias Universium afondará a partir do 3 de outubro, da man de destacados especialistas, na sempre polémica cuestión da xestión da auga. Dimensión social da política da auga en España reunirá durante catro días no campus de Vigo a destacados especialistas na nova cultura da auga, así como distribuidores de auga e servizos de saneamento.
A necesidade de operar un cambio radical na mentalidade da cidadanía a partir da reflexión non pode seguir adiándose no caso do problema de auga, de aí o interese, segundo a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza “dunha cuestión que interesa non só á administracións e aos políticos se non tamén ás empresas xestoras da auga ou organizacións ecoloxistas”. Así o ciclo de conferencias pretende ir máis alá da comunidade universitaria, espertando o interese de toda a sociedade de xeito que, segundo sinala Cabeza, “non sexan debates estritamente académicos por que a Universidade non é algo que se vive de xeito reflexivo, para si mesma, se non que nos proxectamos cara a fóra”.
Tras cinco edicións nas que se abordaron cuestións como o modelo territorial do estado, o estatuto de autonomía, ética e ciencia ou as culturas posibles e imposibles, a vicerreitora de Extensión, afirma con rotundidade que “Universium é un dos produtos que máis coidamos desde a Vicerreitoría por que pensamos que unha das funcións que temos que desempeñar é promover o debate no contexto social, político e económico que temos en Vigo, en Galicia e no mundo. A reflexión ten que chegar desde o máis local ao máis global”.

Nova cultura e xestores da auga na tribuna

A Sala I do Edificio Miralles, á que tanto os membros da comunidade universitaria, como os cidadáns en xeral, poderán acceder libremente, acollerá durante catro días o ciclo de conferencias que serán inauguradas o luns, 3 de novembro, pola Ministra de Medio Ambiente Rural e Marino, Elena Espinosa. Tras ser presentada polo reitor, Alberto Gago, Espinosa centrará a súa intervención nas políticas da xestión da auga, dando paso a continuación á conferencia do profesor de Análise Económico da Universidade de Zaragoza, Pedro Arrojo, sobre Estratexias de sequías baixo a perspectiva do cambio climático. O único español que logrou o premio Goldman de Medio Ambiente, considerado como o Nóbel da área, é un abandeirado do cambio na xestión hidráulica, traballo que desenvolve desde hai anos desde a Fundación Nueva Cultura del Agua na que ademais de publicar estudos, aléntase un importante debate científico en todo o que se refire á auga e a súa xestión. O director xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato, será o encargado de presentar a Pedro Arrojo que comezará a súa intervención ás 12.30.
A nova cultura da auga en España: situación e perspectivas, centrará a intervención o martes 4, a partir das 12.00 da mañá, de Javier Martínez Gil. O catedrático de Hidroxeoloxía da Universidade de Zaragoza e membro da Fundación Nueva Cultura del Agua, avoga pola humanización da hidroloxía, substituíndo o xigantismo da obra pública por un aproveitamento racional dos recursos, ao tempo que fala dos ríos como algo máis que canles que transporta H2O, considerándoos patrimonio e sentimentos. A secretaria xeral de ADEGA, Virginia Rodríguez, será quen presente ao catedrático da Universidade de Zaragoza.
Abel La Calle Marcos, profesor de Dereito da Universidade de Almería, será o protagonista da xornada do mércores, a partir das 12 do mediodía, cunha conferencia titulada Participación activa na política de augas: oportunidade e realidade. Autor de varios estudos sobre o novo contexto xurídico que introduce a directiva marco de augas na Unión Europea, La Calle defende que non se debe entender a auga como un mero recurso económico o que nos levou ata o lamentable estado no que se atopa actualmente. Antes de iniciar a súa intervención, La Calle, será presentado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares.
Universium chegará ao seu fin o xoves coa intervención do secretario xeral da Unión Europea de Asociacións Nacionais de Distribuidores de Auga e Servizos de Saneamento, EUREAU, Pierre-Yves Monette. A federación que Monette preside creouse en 1975 e os seu membros provén de servizo de auga a preto de 450 millóns de cidadáns europeos. Esta última conferencia que se celebrará ás 17.00 horas e que pecha o ciclo, será presentada polo director xeral de AQUALIA Galicia, José Luís García.
Todos os detallas do ciclo de conferencias poden consultarse na web: http://www.universium.uvigo.es/contidos6/ciclo_conferencias.html

Invitación á participación

“O noso obxectivo é que veña moita xente”, asegura Mª del Carmen Cabeza, “aínda que non sempre se logra por cuestión de horarios ou pola dispoñibilidade das propias persoas, pero a lo menos que os debates afecten a toda a sociedade”.
A asistencia ao ciclo de conferencias que é libre, é validable, no caso dos estudantes da Universidade de Vigo por un crédito de libre elección.
O ciclo Universium está organizado pola Universidade de Vigo en colaboración co Parlamento de Galicia.