As e os interesados poden enviar un vídeo de 30 segundos ata o vindeiro 15 de abril
A UVigo busca estudantes de grao que queiran ser a imaxe da súa nova campaña de comunicación
Coa vista posta na captación de alumnado para o vindeiro curso, a Universidade de Vigo está a comezar xa a preparar a nova campaña de comunicación institucional. Para ela, a institución está á procura de mozos e mozas, estudantes de grao, que queiran protagonizar as pezas promocionais.
Dende a Vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais explican que se trata dunha selección inclusiva para elaborar a súa nova campaña e buscan “perfís plurais” de alumnado que “amose os valores que caracterizan a UVigo”.
As persoas interesadas en participar no proceso de selección deben enviar un vídeo de 30 segundos en formato vertical, no que acheguen datos como o seu nome e apelidos, idade e centro de estudo na Universidade de Vigo, ademais de contar algo dun ou dunha mesma.
Estas presentacións poden enviarse nunha mensaxe privada a través das redes sociais da UVigo (Facebook, X, LinkedIn, Instagram ou TikTok) ou por correo electrónico a viccom@uvigo.gal antes do 15 de abril. Na mensaxe cómpre incluír o enderezo electrónico e o número de teléfono.
As sesións de gravación, nos tres campus
O alumnado que resulte seleccionado participará nas sesións de gravación dos vídeos e nas sesións de fotos que terán lugar nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. A participación será remunerada e as persoas participantes cederán a súa imaxe para a realización dos vídeos e das fotografías da campaña de comunicación e a súa publicación en distintas canles.
A campaña lanzarase a finais do curso e manterase activa nos meses de xuño e xullo de acordo coas datas das convocatorias ordinarias e extraordinarias da ABAU e cos períodos clave de busca de titulacións universitarias e matriculación.
A nova proposta comunicativa substituirá a campaña lanzada en xuño de 2024 baixo o lema Máis UVigo e protagonizada polas personaxes da canle de TikTok da universidade, UVigoShow.