Proceden de países como Tunisia, Indonesia, Malaisia, Filipinas, India ou Exipto
A UVigo despide os 80 estudantes estranxeiros do curso de Lingua, Cultura e Adaptación á Universidade
No exame CertAcles B2 de español obtiveron un 85% de aprobados
A Universidade de Vigo despediu este venres aos 80 estudantes estranxeiros do curso LCA (Lingua, Cultura e Adaptación á universidade española) que ofrece o Centro de Linguas en colaboración con Campus Spain. Uns durante todo o curso académico e outros durante o segundo semestre formáronse nas aulas da UVigo para obter a capacitación precisa para cursar unha carreira universitaria nunha universidade española. Algúns elixirán institucións académicas doutros puntos do Estado, pero outros moitos elixirán a propia Universidade de Vigo, o que consolida este programa como un boa ferramenta de captación de alumnado internacional da universidade olívica.
O curso LCA está dirixido a alumnado internacional que teña máis de 16 anos e que desexe prepararse para acceder a estudos de grao ou posgrao en universidades españolas. Inclúe sesións teóricas e prácticas nas que se traballan contidos lingüísticos a través de tarefas comunicativas, visitas a lugares emblemáticos nos que o alumnado realiza distintas actividades e obradoiros impartidos por expertos para afondar na idiosincrasia de distintas áreas.
En total son 80 estudantes, 55 deles optaron polo programa anual e están en Vigo dende setembro, e outros 25 que elixiron a modalidade semestral, dende xaneiro. No que atinxe á procedencia, os países cunha representación máis numerosas son Tunisia, Indonesia, Malaisia, Filipinas, India e Exipto, aínda que neste curso tamén participou alumnado procedente de Nepal, Turquía, Quenia, Siria, Xordania, Iraq, China, Liberia, Burundi, Sudáfrica, Marrocos, Alxeria, Irán, Emiratos Árabes Unidos, Canadá e Xapón.
Un programa moi esixente
Como explica a coordinadora académica do Centro de Linguas, Mercedes Álvarez, o curso LCA “é un programa moi esixente, que require un esforzo non só lingüístico, senón tamén un esforzo de integración cultural e adaptación por parte do alumnado”. Esta promoción, destaca, “foi un grupo moi activo” que participou en moitas das actividades organizadas pola UVigo e pola Facultade de Filoloxía e Tradución ao longo do curso, como os actos do Día do Libro, os tándems lingüísticos, os eventos de celebración do Día das Letras Galegas, etc.
Como detalla a docente, adoita gustarlles moito a cidade e os arredores, pero tamén recoñece que sendo moitos deles musulmáns, o Ramadán foi unha “época complicada”. Acostumados como están a que “nos seus países todo xire arredor desta celebración e os seus horarios, aquí tiveron que adaptarse e non mudar os seus horarios e seguir coa súa rutina mentres celebran o Ramadán”.
Exames CertAcles
Parte dos estudantes do LCA presentáronse o pasado 27 de xuño ao CertAcles B2 de español, na que foi a primeira edición deste exame en español na UVigo, acadando un 85% de aprobados. O resto do alumnado presentarase o vindeiro 12 de xullo ao CertAcles B1 de español, que tamén ser a primeira vez que se realiza na UVigo.
Un acto festivo e emotivo
O acto de despedida celebrouse este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución e o alumnado estivo acompañado polo director da Área de Promociónd a Internacionalización, Santiago Pozo; pola viicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade da Facultade de Filoloxía e Tradución, Inmaculada Anaya e polo equipo docente do Centro de Linguas e o persoal de Campus Spain. Ambos dedicaron unhas verbas de felicitación e recoñecemento ao estudantado que agora remata o seu período de formación pre-universitaria, convidándoos a optar por algún centro da Universidade de Vigo para cursar os seus estudos o vindeiro ano. Tamén deron a noraboa a esta novo promoción do curso LCA Mercedes Álvarez, coordinadora académica do Centro de Linguas e Macarena Martínez Moreira, responsable de Benestar Estudantil de Campus Spain.
Ademais de entregar os certificados CertAcles español B2 aos estudantes que aprobaron o exame, o acto contou cunha actuación musical e un baile tradicional chino, da man de Sylvia Lew e Chin Xuan Pua, así como coa entrega de premios aos estudantes máis festeiros, máis estudosos, máis “vigueses”, etc. Tamén houbo tempo de demostrar o aprendido nestes meses, e os encargadas de facelo foron Valentine Vallery Haryanto e Donia Ghadhab, duas estudantes que cando chegaron a Vigo non falaban nada neste idioma.