DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante o aumento da demanda do servizo, ata agora centralizado en Vigo

A Vicerreitoría do campus pon en marcha o seu propio Gabinete Psicopedagóxico

A encargada de dirixilo será Angélica Ferro Cid

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 03/04/2008

O aumento da demanda por problemas de falta de motivación, ansiedade ou estrés nos estudantes puxeron en releve a necesidade de contar cunha sé permanente en Ourense do Gabinete Psicopedagóxico. Por este motivo, a Vicerreitoría do campus inaugurou esta semana un gabinete para prestar esta atención, un servizo para atender os problemas académicos e persoais dos alumnos que o soliciten e que ata o de agora estaba centralizado en Vigo. Da man de Angélica Ferro, xa comezou a funcionar no soto do Edificio de Ferro. O horario de atención ao público é de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e ademais os martes e xoves pola tarde de 17.00 a 20.00 horas.
O gabinete, gratuíto e confidencial, funcionaba ata o de agora soamente en Vigo, dende onde a encargada do mesmo, Eva Souto, se desprazaba a Ourense cada certo tempo para atender á xente que o solicitaba. “O proceso así era un pouco complicado porque é difícil que a xente coñeza a existencia do servizo e acceda a el cando non hai un punto de referencia permanente no campus” explicou Angélica Ferro. “Cando comezou a medrar a demanda tomouse a decisión de crear un gabinete aquí, para mellorar o servizo prestado e ofrecelo de forma igual a todos os alumnos. O feito de que teña sé localizada vai facilitar que a xente o coñeza e poder así realizar actividades colectivas, porque agora mesmo había obradoiros en Vigo, pero aquí só se facía atención personalizada” comentou a psicopedagoga seleccionada por “ser antiga alumna do campus en Educación Social, Pedagoxía e no CAP, algo moi importante para o posto, pois hai que coñecer a fondo as súas problemáticas ou aos profesores, por exemplo”.
Precisamente o persoal docente, aínda que non é o público ao que vai dirixido o servizo, “inevitablemente estará moi presente no traballo xa que, ao traballar con estudantes, unha das principais fontes de problemas que teñen é como enfrontarse ás materias e ás veces será necesario asesorar aos profesores para que cun pequeno cambio na súa metodoloxía poidan axudar de xeito moi cualitativo ao alumnado” comentou Angélica.

Actividades colectivas nas termas

Coa intención de traballar na dobre perspectiva individual e colectiva, “realizaremos actividades en grupo enfocadas a tratar os problemas máis habituais. De cara a final de curso temos pensado realizar un programa de enfrontamento ás situacións de estrés desencadeadas, principalmente, polos exames, pero tamén por outras cuestións da vida e que ensinaremos a levar da forma máis positiva posible” explicou Angélica. Para isto, “queremos aproveitar os recursos termais que temos na cidade de Ourense, que é un privilexio que non hai en outras cidades e que porá o punto atractivo e innovador á hora de enganchar aos alumnos conxugando a parte formativa coa parte lúdica” dixo.
A nivel individual, e tomando como referente ao gabinete de Vigo, os problemas máis habituais van ser “as técnicas de estudo, o afrontamento de situacións de estrés e ansiedade e outros temas de educación afectiva e sexual ou de educación vial, moi relacionados coa problemática dos mozos coma mortes en accidentes de tráfico ou embarazos non desexados que serán tratados se forma transversal en todas as actividades” explicou a psicopedagoga.