DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación titúlase “Prácticas innovadoras en aulas universitarias”

A Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa presenta un libro que recolle os esforzos docentes por renovar a docencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 26/02/2008

Prácticas innovadoras en aulas universitarias, editado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, recolle as experiencias de carácter innovador levadas a cabo por 18 docentes da Facultade de Ciencias da Educación. "Son este tipo de actividades as que", segundo dixo Pedro Membiela na presentación, “constitúen o motor principal das melloras educativas xa que a universidade, á marxe da súa faceta investigadora é sobre todo unha institución formativa”. Apuntou tamén que este traballo significa “abrir as actividades de formación e innovación á colaboración cos centros e os departamentos e apoiar o traballo dos profesores ”. Nesta mesma liña o decano, Xosé Manuel Cid, recoñeceu “o esforzo do persoal docente por autoformarse e, con poucos recursos, estar preparados para o proceso de adaptación a Boloña, que se atopa en moi boas condicións e que vai facer que pasemos das sete titulacións actuais a catro graos”.

12 experiencias innovadoras

Mercedes Suárez, coordinadora do libro, explicou que un dos obxectivos da facultade é “establecer estratexias para a formación do seu profesorado, tarefa complexa cando temos en conta que debería abranguer aos 100 docentes cos que contamos”. Deste elevado número tamén nace o descoñecemento do que está a facer en cada unha das aulas polo que xurdiu a idea de facer unhas xornadas para compartir experiencias e “formarse grazas á transmisión directa das prácticas que outros profesionais levan a cabo” dixo.
Convocaron entón a todos os docentes que quixeran participar e o resultado foron 12 experiencias aportadas por un total de 18 profesores e que no libro se recollen divididas en tres bloques. O primeiro deles está dedicado á incorporación dos novos recursos e materiais tecnolóxicos e como aplicalos ao eido educativo universitario. O segundo trata de novas iniciativas relacionadas coa titorización, seguimento e avaliación dos estudantes “parte esencial no EEES”, apuntou a coordinadora. E por último, o terceiro ofrece diferentes actividades prácticas educativas realizadas nas aulas.