DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante unha nutrida representación social

Vigo presenta a imaxe oficial da candidatura á Universiada 2013

A cerimonia será conducida polo actor Carlos Blanco

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 19/12/2007

A proxección do vídeo “Vigo Universiada 2013. Cidade Aspirante” co que a cidade de Vigo afrontará o proceso de selección á Universiada do verán do 2013 vai ser un dos momentos claves da presentación oficial da candidatura da cidade olívica ao maior evento deportivo despois dos xogos olímpicos, a Universiada. O Centro Social Caixanova acolle o acto a partir das 20.00 horas.
A cerimonia, que será conducida polo actor Carlos Blanco, será un primeiro paso co que a urbe aspira a converterse na sede oficial da edición número 27 da competición deportiva, un evento que reúne cada dous anos a máis de 10.000 deportistas de 170 países distintos.
O acto celebrarase ante unha nutrida representación de membros do mundo empresarial, social, deportivo e político e nel intervirá o reitor, Alberto Gago; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o alcalde, Abel Caballero e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez.
Precisamente en relación a este tema o Consello de Goberno da Universidade, celebrado onte, aprobou por asentimento unha declaración de apoio institucional á candidatura de Vigo para a Universiada 2013.
As vindeiras edicións da Universiada terán lugar na capital serbia, Belgrado, no 2009, e na cidade chinesa de Schenzhen, no 2011. A cidade de Murcia, que xa presentou a súa candidatura para a Universiada do 2011, tamén opta a organizar este evento no 2013. Deste xeito, antes do 2009, a cidade de Vigo ou a de Murcia será designada candidata oficial para acoller a Universiada.