DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eduardo Coba, coordinador da ANECA:

“Xa temos conciencia de que a calidade e a avaliación son necesarias”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/12/2007
Creada en 2002 coa finalidade de mellorar a calidade do sistema de educación superior, mediante a avaliación, certificación e acreditación de ensinanzas, profesorado e institucións, a ANECA, Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y la Acreditación, está a xogar un papel fundamental no proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Como organismo encargado de establecer os procedementos, protocolos e guías para a verificación de títulos oficiais e de avaliar as propostas dos plans de estudo, a ANECA tamén será a encargada da verificación e acreditación das carreiras, un traballo compartido coas axencias, como a ACSUG no caso de Galicia.
Con motivo da súa presenza nos campus de Vigo, nunhas xornadas sobre a Calidade na Educación Superior, Eduardo Coba, coordinador da ANECA, analiza no Duvi algunhas das claves do papel da Agencia Nacional de Evaluación no proceso de adaptación ao EEES e da evolución da calidade no sistema universitario español.

Antes de entrar a analizar como afectará o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior á calidade no sistema universitario español, quixera saber si mirado o horizonte do 2010, a data empeza a provocar un pouco de vertixe tamén aos responsables de calidade. Ten a sensación de que se chegará con tempo dabondo ou farase practicamente sen folgos?
Eu creo que sen folgos imos chegar, pero creo que tamén o diría se faltasen sete anos. Penso que os prazos non son imposibles, é un tema importante, tan importante que é moito máis interesante facelo ben, que executalo nun prazo que fose imposible. Estámonos xogando algo que terá repercusión en 15 ou 20 anos e polo tanto o importante é isto, pero eu teño unha gran confianza, por que levamos moitos anos traballando. Levamos 15 anos avaliando a calidade das universidades nun sistema tan grande como o español, de millón e medio de alumnos e que ademais pasou do final dos anos 70 a finais do 90 de medio millón a millón e medio de alumnos. Pasou de escasas 30 universidades a 73.
Eu creo que estamos situados na metade da escaleira e non quero que ninguén baixe a garda, nin o pense, por que xa hai moitas cousas feitas. Creo que o maior reto que nos agarda, nesta última fase, é harmonizar, sintetizar e unir todas as cousas que temos feito, aliñalas todas no último paso. O que está claro é que si antes o 2010 nos parecía a liña de chegada, agora decatámonos de que é, e realidade, unha liña de saída e realmente o que fixemos estes anos foi prepararnos, adestrarnos para a verdadeira carreira que comeza a partir do 2010.

En relación coa calidade, sinte que é un dos irmáns pobres do sistema universitario e que, por esta razón, parte con certa desvantaxe respecto doutros elementos que tamén teñen que adaptarse a Boloña?
Creo que non, e máis véndoo nun entorno internacional, principalmente o europeo, xa que hai moi poucos países que teñan feito o esforzo que fixemos nós: Holanda, pero é un sistema máis pequeno, Dinamarca e Noruega que son países que están moi avanzados, Inglaterra que ten un sistema distinto, pero outros como Francia, Alemaña ou Italia, non teñen feito tanto esforzo, nin avanzado tanto coma nós. De feito algúns deles non teñen nin tan sequera unha axencia, por dar un indicador.
A universidade comezou a cambiar hai moitos anos, e eu quixera deixar unha cuestión clara: que os retos que nos veñen, que moitos deles aínda non os coñecemos, por ao mellor non os temos visto, ou non se teñen inventado, son retos que nos obrigan a non estar parados, se non a estarnos movendo.
Eu creo que o gran problema da universidade é que fai as cousas dun xeito non eficiente e ese é o gran reto co que nos atopamos agora. Temos que cambiar pero aproveitando todo o bo que temos e hai que mellorar o que facemos un pouco peor. Hai que ser un pouco eficientes e logo tamén formar non só en coñecementos, que formamos moi ben, xa que ás veces tamén hai que formar en saber facer cousas, en capacidades e en actitudes, que é no que nos levan vantaxe noutros países.
En definitiva o gran reto é aproveitar o ben que o facemos, ser máis eficientes e hai unha clave que é o traballo en equipo, ou sexa, imos pasar dun traballo máis individualizado ou de departamento, a ver que a unidade fundamental de traballo é a ensinanza, o título que ao final se outorga. Cando se faga ,cando todos os que participan vexan ese conxunto, será cando se dean conta deses elementos de eficiencia e de ineficiencia, de consecución de obxectivos e de mellor rendemento. Un debe ver o conxunto e non só o seu.

Falando do traballo en equipo, no proceso de adaptación participan axencias nacionais, autonómicas universidades, grupos de traballo..É un traballo de conxunto, pero vostede percibe diferentes velocidades?. Dálle a impresión de que mentres nalgunhas universidades o toman máis en serio, noutras están demasiado relaxadas?
O que hai son escenarios e situacións de partida distintas por que hai universidades de 900 anos e outras de 20. Todo é respectable. Eu visualizo o sistema universitario como unha autoestrada onde hai que garantir é que todos vaian como mínimo a 60, pero hai que deixar carrís para que cada un vaia cómodo, para que quen queira poida ir a 120, sempre que no se pase de velocidade.
Sen dúbida un elemento clave na transformación é a globalización, non só a europea, senón a mundial e o obxectivo é pór en valor todos os materiais e decretos que se teñen desenvolvido no texto do preámbulo. O espírito está en pór en valor o sistema universitario nun mercado máis global, e isto é un xogo de equipo. De feito os propios criterios de calidade europeos marcan unhas pautas para a universidade e outras para as axencias, polo que é un xogo de dous. De nada serve que a axencia se poña en valor fronte a Europea se logo as universidades non fan a súa parte e de nada serve que estas fagan a súa parte se despois non hai unha axencia que estea posta en valor e poida avaliar á universidade, e sempre respectando a independencia da axencia por que é a que da credibilidade externamente a autonomía universitaria.

Profesionalmente, vostede é unha persoa que leva moitos anos traballando en temas de calidade e ten un longo percorrido. Considera que se atopa ante o reto máis importante da súa vida, aínda a pesar de ter participado e coordinado plans certamente complexos? Este é o óso máis duro de roer, o muro máis alto ao que se enfronta?
Non teño a sensación de enfrontarme a ningún reto máis aló, pero tampouco creo que leve tantos; se boto a conta coido que levo nove anos, non sei si iso é moito. Houbo momentos máis duros, creo que hai que agradecer a todos os que comezaron isto doce anos atrás. Ademais, os problemas hai que collelos de un en un e como os obxectivos os vas marcando en prazos curtos ao final dis: canto levamos feito!. Isto, en parte, débese a que non nos demos conta de todo o que xa fixemos ou vémolo dun xeito máis natural.
Coido que partimos dunha boa situación, con moita xente que xa leva traxectorias máis longas que os meus nove anos, e saben facelo moi ben. Outros que levan menos anos, tamén o saben facer moito mellor e están nas universidades.
Atopámonos nunha situación na que, en todas as universidades, hai unidades técnicas ou vicerreitorías de calidade que doce anos atrás non existían. Iso é unha gran vantaxe que nos fai partir dunha boa situación; o que pasa é que queremos ser mellores, porque sabemos que ser bos non é suficiente. Hai que ser o mellor, principalmente porque non sabemos o que pode suceder dentro duns anos, temos que estar preparados para algo que, ao mellor, non nos podemos nin imaxinar. Ese futuro foi noso vinte anos atrás e, dentro de pouco, hai que pasárllelo ás novas xeracións e iso tamén é unha tranquilidade, porque os que veñen detrás poden arranxar os nosos erros.

Como coordinador xeral da ANECA, vostede participou recentemente en Vigo nunha xornadas de calidade nas que os protagonistas foron os estudantes. Trátase dunha das patas da mesa de todo este sistema de calidade, pero non sei si, ás veces, se esquece ou non se ten en conta, pero dende logo xoga un papel moi, moi importante. Polo que quedou patente en Vigo, semella que interese e coñecemento de temas de calidade, os estudantes teñen.
Non se esqueza, pero son o grupo máis numeroso e o máis complicado de facer intervir ou de facer participar nos mecanismos de decisión e de reflexión. Profesores hai arredor de 100.000 e estudantes preto do 1.500.000. Evidentemente non se pode esquecer que a universidade é dos alumnos, son o gran motivo de que esta exista, non pode ser outro.
A verdade é que fronte a unha actitude máis pasota de xeracións anteriores, creo que os alumnos que están integrando agora a universidade son máis activos, forman parte da comunidade universitaria dun xeito máis directo, e non unicamente a través dos mecanismos de elección de representantes.

Hai uns anos nun país como España, o tema da calidade non semellaba formar parte do decálogo de boas prácticas. Isto está cambiando, e semella que o estamos a tomar en serio en todos os ámbitos da vida, e no universitario tamén. Realmente xa temos claro que non podemos ir polo mundo sen garantir que a calidade ten que ser un elemento imprescindible tamén na educación?
Eu creo que ese é o gran éxito dos que estiveron antes, os que iniciaron todo isto fai nove anos e crearon esa cultura da calidade. Creo que o dicía Marx, o primeiro era ter conciencia de clase. Coido que aquí, facendo un símil, xa temos conciencia de que a calidade e a avaliación son necesarias e ese é o primeiro paso, pero tamén é o gran paso que che abre todos os demais.