DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A XVI Liga Galega de Carreiras de Orientación deixa bos resultados para a Universidade

Durango, rival Universidade de Vigo de rugby no primeiro partido da segunda volta

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 07/12/2007
A XVI Liga Galega de Carreiras de Orientación conclúe con resultados positivos para o Club Deportivo Universidade de Vigo, que rematou sétimo na clasificación por equipos e logrou situar a catro dos seus membros en postos destacados do ránking. Así, José Luis Armada Luaces acadou o terceiro posto en homes 35, Isabel Pastoriza Santos rematou cuarta na modalidade damas elite, Jorge Pérez Juste ocupou o sétimo lugar en homes 21 e Gonzalo Fernández Casalderrey foi o octavo clasificado en homes elite.
A entrega de trofeos aos tres primeiros clubs clasificados e aos tres primeiros corredores de cada categoría terá lugar a principios de febreiro, coincidindo co inicio da liga galega do 2008.
Tras un ano marcado polo progresivo aumento da participación dos estudantes nesta modalidade deportiva, o clube da Universidade xa se está a preparar para as probas da próxima tempada coa vista posta nos campionatos universitarios, tanto a nivel galego como estatal.

Nova xornada de rugby

O Universidade de Vigo de rugby busca unha nova vitoria na casa no primeiro partido da segunda volta que o enfronta ao Durango. O equipo, forte tras derrotar ao Cisneros a pasada fin de semana, ten a oportunidade de mellorar a súa clasificación na táboa no caso de que logre vencer sendo o único que acade bonus.
O sábado ás doce, o colexiado andaluz Sr. Chicharro terá a responsabilidade de dirixir este encontro ao que o equipo vigués acude con importantes baixas na parte dianteira, que precisamente é a liña máis forte dos vascos. A lista de lesionados engrosouse a pasada fin de semana trala rotura de nariz do portugués Luis e os problemas do canteirán Tito.