Coa performance “A acción nunha Pontevedra absurda, brillante e famenta”
Yolanda Pérez sorprende no primeiro día das Xornadas de Arte de Acción “Chámalle X”
Caras de sorpresa non faltaron nas últimas horas na Sala X da facultade de Belas Artes. A causa foi que, por cuarto ano consecutivo, as xornadas de arte de acción, Chámalle X, abriron as súas portas para todos aqueles que, entendendo ou non este tipo de disciplina, desexen disfrutala. Yolanda Pérez foi a protagonista do primeiro día destas xornadas que se celebrarán na facultade de Belas Artes ata o vindeiro 15 de novembro. Cun performance inspirado na novela Luces de Bohemia de Valle Inclán e titulado “A acción nunha Pontevedra absurda, brillante e famenta”, esta xove artista sorprendeu ao seu público.
“Hai unha gran diferenza entre o teatro e a arte de acción. O que fago é contrapoñelos, utilizando a estructura teatral de escenas, para realizar accións partindo de frases que seleccionei de cada escena do libro de Valle”, explicou Yolanda Pérez.
Orixes e futuro
Chámalle X son unhas xornadas recoñecidas no mundo artístico, que cada vez van mellorando e acadando obxectivos máis elevados. “Lembro a primeira vez que Carlos Tejo veu a falarme deste tema, quedamos en facelo moi pequeno, casi imperceptible, que non soara moito, e hoxe, presentamos a cuarta edición, de xeito que, estas xornadas foron máis alá da propia actividade académica e estanse convertendo nunha referencia para Galicia e para toda España”, comentou o vicerrector do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, na presentación das xornadas.Patrocinadas pola vicerreitoría do campus de Pontevedra, este ano hai que destacar a colaboración do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, MARCO, xunto coa xa tradicional do Centro Galego de Arte Contemporánea e da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.
Ao longo dos tres días das sesións, os espectadores poderán disfrutar de actuacións en vivo de artistas recoñecidos como Los Torreznos, Concha Jerez ou Miguel Molina. Ademáis estas actuacións complementaranse con debates teóricos en torno a esta práctica interdisciplinar.