Debatiranse as propostas das universidades participantes

O deseño no novo grao en Bioloxía, centra a conferencia de decanos que se celebra este venres en Vigo

Na Fundación Caixa Galicia

Tags
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/11/2007

Decanos de vinte universidades españolas reúnense este venres en Vigo, nunha conferencia centrada no deseño do novo grao en Bioloxía e que Pedro Pablo Gallego, decano da facultade de Bioloxía de Vigo considera que “marcará un antes e un despois na historia da titulación, por que estamos pechando o ciclo das licenciaturas para dar paso aos graos”.
Tomando como punto de partida o Libro Branco da Bioloxía, na conferencia, como asegura Gallego, “temos a expectativa de chegar a un acordo sobre o novo marco xeral do grao”. A través da discusión das propostas que realicen as universidades participantes na conferencia, preténdese avanzar na aplicación do Real Decreto polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, ao novo plan de estudos de Bioloxía.

Unha oportunidade de mellorar

Fronte aos que observan o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior como un problema, o decano de Bioloxía considera que se trata “dunha oportunidade de mellorar para todos, especialmente para os alumnos que co grao terán unhas competencias profesionais maiores”. E é que dun sistema no que os planos de estudo se desenvolvían nas facultades, e no que primaba o reparto de créditos, no novo escenario, asegura Gallego “ partirase dun acordo previo como é o Libro Branco, sen ter as áreas como referencia”.
Outra cuestión sobre a que o decano da facultade de Bioloxía de Vigo pon o acento, é o cumprimento dos parámetros de calidade que serán esixidos no novo sistema e que inclúen acreditacións cada seis anos. “Todos estas cuestións permitirán mellorar, e sobre todo que os alumnos que antes se procuraba que soubesen cousas, agora saberán facer cousas e ter unha competencia profesional”. Cara ao proceso de adaptación, Gallego lembra que na Facultade de Biolozía de Vigo “ levamos tres anos cun programa piloto que inclúe seminarios, clases prácticas, etc..., lonxe de clases magistrais habituais”.

Máis de vinte decanos en Vigo

A conferencia que se celebra este venres e sábado, trae a Vigo a máis de vinte decanos de Bioloxía de universidades españolas como a Autónoma de Madrid, Autónoma de Barcelona, A Coruña, Pompeu Fabra, País Vasco, Sevilla, Málaga, Santiago ou Navarra.
A Conferencia Española de Decanos de Biología é a asociación que agrupa a todos o representantes institucionais das preto de trinta facultades universitarias que actualmente imparten a licenciatura de Bioloxía en España.
Entre os fins da CEDB están a representación colexiada e defensa dos intereses para a mellora dos estudos de Bioloxía, o fomento da actividade científica, a participación en iniciativas tanto no contexto nacional como internacional e a promoción de accións que melloren o ensino da Bioloxía na educación secundaria e o acceso aos alumnos ás facultades de Bioloxía.
Ao acto inaugural da conferencia que se desenvolverá este venres, 30 de novembro, na Fundación Caixa Galicia ,asistirá o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago; o director xeral de Ordenación Universitaria, Ramón Leis e o presidente da Conferencia Española de Decanos de Bioloxía.