Debatiranse as propostas das universidades participantes
O deseño no novo grao en Bioloxía, centra a conferencia de decanos que se celebra este venres en Vigo
Na Fundación Caixa Galicia
Decanos de vinte universidades españolas reúnense este venres en Vigo, nunha conferencia centrada no deseño do novo grao en Bioloxía e que Pedro Pablo Gallego, decano da facultade de Bioloxía de Vigo considera que “marcará un antes e un despois na historia da titulación, por que estamos pechando o ciclo das licenciaturas para dar paso aos graos”.
Tomando como punto de partida o Libro Branco da Bioloxía, na conferencia, como asegura Gallego, “temos a expectativa de chegar a un acordo sobre o novo marco xeral do grao”. A través da discusión das propostas que realicen as universidades participantes na conferencia, preténdese avanzar na aplicación do Real Decreto polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, ao novo plan de estudos de Bioloxía.
Unha oportunidade de mellorar
Fronte aos que observan o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior como un problema, o decano de Bioloxía considera que se trata “dunha oportunidade de mellorar para todos, especialmente para os alumnos que co grao terán unhas competencias profesionais maiores”. E é que dun sistema no que os planos de estudo se desenvolvían nas facultades, e no que primaba o reparto de créditos, no novo escenario, asegura Gallego “ partirase dun acordo previo como é o Libro Branco, sen ter as áreas como referencia”.Outra cuestión sobre a que o decano da facultade de Bioloxía de Vigo pon o acento, é o cumprimento dos parámetros de calidade que serán esixidos no novo sistema e que inclúen acreditacións cada seis anos. “Todos estas cuestións permitirán mellorar, e sobre todo que os alumnos que antes se procuraba que soubesen cousas, agora saberán facer cousas e ter unha competencia profesional”. Cara ao proceso de adaptación, Gallego lembra que na Facultade de Biolozía de Vigo “ levamos tres anos cun programa piloto que inclúe seminarios, clases prácticas, etc..., lonxe de clases magistrais habituais”.
Máis de vinte decanos en Vigo
A conferencia que se celebra este venres e sábado, trae a Vigo a máis de vinte decanos de Bioloxía de universidades españolas como a Autónoma de Madrid, Autónoma de Barcelona, A Coruña, Pompeu Fabra, País Vasco, Sevilla, Málaga, Santiago ou Navarra.A Conferencia Española de Decanos de Biología é a asociación que agrupa a todos o representantes institucionais das preto de trinta facultades universitarias que actualmente imparten a licenciatura de Bioloxía en España.
Entre os fins da CEDB están a representación colexiada e defensa dos intereses para a mellora dos estudos de Bioloxía, o fomento da actividade científica, a participación en iniciativas tanto no contexto nacional como internacional e a promoción de accións que melloren o ensino da Bioloxía na educación secundaria e o acceso aos alumnos ás facultades de Bioloxía.
Ao acto inaugural da conferencia que se desenvolverá este venres, 30 de novembro, na Fundación Caixa Galicia ,asistirá o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago; o director xeral de Ordenación Universitaria, Ramón Leis e o presidente da Conferencia Española de Decanos de Bioloxía.