DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto de aprendizaxe-servizo MúsiCA(c)TIVA

Alumnado de Educación Infantil leva a música a escolas rurais de Ourense

Elas e eles crearon os instrumentos cos que logo desenvolveron sesións didácticas con nenas e nenos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Estudantes
DUVI Ourense 18/12/2024

Ao longo deste cuadrimestre alumnado de terceiro curso do Grao de Educación Infantil, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, desenvolveu o proxecto MúsiCA(c)TIVA, unha iniciativa destinada a levar a música a escolas rurais de Ourense.

A actividade, recoñecida pola convocatoria de proxectos de aprendizaxe servizo da Universidade de Vigo, xurdiu da colaboración entre as materias do centro de Expresión Musical e a súa Didáctica, impartida pola profesora Lucía Casal, e Didáctica da Expresión Plástica e Visual, impartida por Javier Blanco e Sara Fuentes. Baixo o asesoramento deste profesorado, o alumnado afrontou o reto de deseñar e crear obxectos sonoros e  instrumentos, feitos preferentemente con recursos reutilizados, e a preparación de sesións didáctico-musicais para desenvolver en escolas infantís. Así, o estudantado participante tivo que planificar para nenas e nenos de escolas infantís diferentes actividades relacionadas co desenvolvemento da musicalidade e coa estimulación sonora no primeiro ciclo de educación infantil (de cero a tres anos).

Beneficioso para as escolas e para o alumnado

Unha vez realizadas estas etapas, o alumnado do campus tivo a oportunidade de implementar as sesións en escolas infantís, de acceder a un espazo real no que pór a proba os modelos de sesión deseñadas e practicadas previamente na Aula de Música da Facultade de Educación e Traballo Social. “Nelas, exploraron os sons da contorna, xogaron con ritmos e experimentaron sons tamén cos seus propios corpos, alén de interactuar con recursos que se levaron expresamente ás escolas para  desenvolver as sesións”, sinala o profesorado participante. As sesións tiveron lugar en tres escolas infantís Galiña Azul: a de Pereiro de Aguiar, a de Coles e a de Toén, agradecendo desde o proxecto a boa acollida recibida en cada unha delas e as facilidades dadas. Feitas as sesións, os instrumentos e obxectos sonoros creados ficaron nelas a modo de doazón.

Este tipo de experiencias, detallan os seus responsables, “non son frecuentes nas escolas do rural” e “é por iso que, tendo en conta os probados beneficios da estimulación musical temperá para garantir o desenvolvemento integral do alumnado, este proxecto enriquece tanto ás escolas como ao alumnado universitario”. Así, subliñan, a iniciativa foi moi ben acollida polo estudantado universitario participante xa que, indican, “trátase dunha práctica que xera motivación persoal, pois é unha forma de coñecer de primeira man como poden desenvolverse no que será o seu futuro como docentes, así como aprender do profesorado en activo, validar as propostas didácticas e, ao fin e ao cabo, ir enriquecéndose de experiencias”.

Tras esta súa boa acollida, desde a organización da proposta agardan que “se poida seguir fortalecendo a relación entre a universidade e as escolas rurais co fin de poder seguir levando a cabo este proxecto nos vindeiros anos”. Neste senso, lembran que a experiencia deste cuadrimestre xa dá continuidade a un proxecto anterior, tamén recoñecido como de aprendizaxe servizo no curso 2023/2024 pola UVigo, cuxo contido foi musical.