DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrado na discriminación por razóns de idade e na interxeracionalidade

A Cátedra de Idadismo impulsa un concurso de fotografía

Aberto á participación de toda a cidadanía

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/10/2024

Impulsada pola Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo, a Cátedra de Idadismo ten como obxectivo contribuír á erradicación do conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan as persoas por razóns de idade. De aí que un dos eixes da súa actividade sexa facer visible a problemática do idadismo e as súas implicacións, obxectivo do primeiro concurso de series fotográficas que impulsa esta cátedra. Aberto á participación de calquera persoa maior de idade que resida ou estude en Galicia, ata o de 10 de novembro permanece aberto o prazo de presentación de imaxes a un certame que ten como eixes temáticos o idadismo e a interxeracionalidade. 

“A intención desta proposta é tratar de concienciar sobre o idadismo presente na nosa sociedade”, sinálase na convocatoria dun certame no que se outorgará un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 400 ás mellores series de fotografías orixinais. Estas deberán estar compostas por entre 6 e 10 imaxes, que manteñan unha coherencia discursiva e que estean relacionadas coa temática da convocatoria. 

Unha problemática que “aféctanos ao longo da vida”

Concretamente, o concurso busca concienciar sobre o idadismo como unha problemática que “aféctanos ao longo da vida” e que non é exclusiva das persoas maiores. Ao mesmo tempo, busca tamén pór o foco na “necesidade das relacións entre persoas de diferentes xeracións, na “interxeracionalidade como vacina” fronte a esta problemática, como explica a directora da cátedra, a profesora da Facultade de Comunicación Ana Belén Fernández. De aí que dos proxectos presentados o xurado valorará a “mirada interxeracional” da persoa autora, así como “un enfoque claro da heteroxeneidade das persoas en calquera momento da súa vida”.

Como explica Fernández Souto, esta iniciativa dá continuidade ao concurso de vídeos impulsado pola cátedra o pasado ano e ten tamén como obxectivo reunir “distintas perspectivas” desa “mirada interxerxeracional e antiidadista”. De feito, o obxectivo da cátedra é que as series premiadas poidan empregarse nas súas actividades de difusión.

O prazo de presentación de proxectos, que deberán enviarse en formato dixital ao correo electrónico idadismo@uvigo.gal, permanecerá aberto ata o 10 de novembro ás 13.00 horas.