DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa lectura dun manifesto con motivo da conmemoración, este mércores, do Día Mundial da Infancia

Ciencias da Educación e do Deporte reafirma o seu compromiso de formar persoas comprometidas cos dereitos dos nenos e nenas

O acto completouse cun minuto de silencio polas vítimas da DINA 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/11/2024

Con motivo da celebración, este mércores 20 de novembro, do Día Mundial da Infancia, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu un acto que buscaba tanto lembrar como reivindicar os dereitos dos nenos e nenas. “Hoxe reafirmamos o noso compromiso de formar cidadáns comprometidos coa defensa da infancia, persoas que entendan que cada dereito vulnerado nun neno é unha débeda que a humanidade debe saldar”, sinalaba o manifesto ao que este martes deu lectura o profesor Jorge Soto, nun acto celebrado ás portas do centro e que contou coa participación de alumnado, profesorado e persoal da facultade, así como de representantes do equipo decanal e da Comisión PEA-Unesco. O obxectivo desta iniciativa, explicou Soto, era pór de relevo que os dereitos da infancia están a ser “conculcados” e que “os países non están a cumprir aquilo que firmaron”, na celebración adiantada da efeméride que conmemora a aprobación da Convención dos Dereitos do Neno, ratificada en 1989 pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas.

Con esa idea, o acto comezou coa lectura dos dereitos das nenas e nenos, tras a que Soto deu lectura a un manifesto que puña o foco en que a infancia “debe estar protexida por dereitos esenciais”, o que “significa asegurarnos de que cada política pública, cada acción social, cada instancia educativa, estea dirixida a protexer e potenciar as súas vidas”. Pola contra, denunciou, “millóns de nenos no mundo seguen sen acceso á educación, sofren explotación laboral, violencia, discriminación e conflitos que interrompen os seus soños e vulneran os seus dereitos”. De aí que o manifesto chamase a alumnado e profesorado a ser “actores activos” na defensa dos seus dereitos, pondo de relevo que “a educación é unha ferramenta transformadora” e o compromiso da Comisión PEA-Unesco da facultade por “formar persoas que leven no seu corazón a causa da infancia”.

Tras o manifesto, o acto completouse cun minuto de silencio polas vítimas da DINA e pechouse cunha actuación musical da violonchelista Susana Blanco.