Con talleres sobre deseño de bolsos e de creación de complementos téxtiles con cerámica
Debut 2023 inicia a súa programación cunha formación centrada nos procesos artesanais
Promovida coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia
Un ano máis, o desfile no que os novos titulados e tituladas no mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentan as coleccións que constitúen os seus traballos de fin de máster será tamén o peche a unha semana de actividades centrada no mundo da moda. A programación de Debut 2023 botou a andar este luns co inicio do primeiro dos talleres dirixidos ao alumnado do mestrado e centrado no deseño de bolsos con pel. Impartido por Ezequiel Franchi, responsable de Raíces Nómadas Atelier, este workshop ten como obxectivo amosar aos e ás participantes distintas técnicas de traballo con pel, co propósito de que poidan elaborar en tres días un sadlle bag. Trátase dun taller de 18 horas, que se estenderá ata o mércores e que foi impulsado grazas ao apoio da Fundación Artesanía de Galicia.
Nesta colaboración insírese tamén o taller Texturas téxtiles aplicadas á cerámica, que se desenvolverá entre o martes e o xoves e que permitirá achegarse ao proceso completo de deseño e produción de pequenas pezas cerámicas, desde o modelado e aplicación da cor, ata o seu secado e esmaltado, así como as súas aplicación no mundo da moda. Esta formación correrá a cargo da responsable do taller Ojea Estudio, Paula Ojea, unha ceramista recoñecida no ano 2019 co Premio Nacional de Artesanía na categoría de produto.
Deste xeito, como sinalou a coordinadora do mestrado, Lola Dopico, no acto de presentación de Debut 2023, o programa de actividades complementario ao desfile céntrase neste ano por talleres formativos de maior duración, que permiten ao alumnado afondar “en territorios moi interesantes para nós”, como son o traballo coa pel e coa cerámica. A estes dous obradoiros sumarase así mesmo un workshop virtual, o xoves 23, sobre o uso da plataforma global de análise e tendencias WGNS (World´s Global Style Network). Xa o venres 24, o recinto feiral do Pazo da Cultura acollerá, ás 20.00 horas, o desfile no que 17 novos titulados e tituladas presentarán os seus TFM e que este ano contará cun prezo de entrada de 5 euros. Previamente, nesa mesma xornada, este grupos de egresados e egresadas manterá no propio pazo unha serie de entrevistas con responsables de recursos humanos de diferentes firmas de moda.