O proxecto ‘MemNews’ foi presentado por Catarina Rodrigues, da Universidade dos Azores
A Facultade de Comunicación achégase a unha investigación sobre como a prensa constrúe a memoria cidadá
Conta coa participación do catedrático Alberto Pena como consultor científico
Financiado pola Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía do Goberno de Portugal, o proxecto 'MemNews' pon o foco nun aspecto non sempre abordado no estudo da historia e do labor dos medios de comunicación, o xeito no que as diferentes noticias son percibidas por persoas de distintas idades, características e contextos. Achegar o alumnado da Facultade de Comunicación os obxectivos e metodoloxía de traballo desta investigación foi o obxectivo da presentación que realizaba neste centro a profesora da Universidade dos Azores Catarina Rodriguez, membro do equipo investigador dun proxecto liderado pola Universidade Fernando Pessoa e do que forma parte tamén, como consultor internacional, o catedrático da UVigo Alberto Pena.
Como explicou Lourenço Rodrigues, este proxecto pretende reunir un conxunto de “testemuños, inspirados tamén na historia oral e na memoria” de cidadáns e cidadás de diferentes idades e rexións portuguesas, o que permitirá analizar “a forma na que as noticias foron precibidas ao longo do tempo” e coñecer así “eses elementos sociais e políticos e esas interferencias que xorden” no xeito no que a cidadanía percibe diferentes feitos históricos. Deste xeito, engade Pena, o proxecto permitirá coñecer como as e os cidadáns “percibiron a realidade e determinados acontecementos históricos e construíron a súa memoria a partir dos medios de comunicación”.
Unha perspectiva a incorporar á historia do xornalismo
Dirixido polo investigador Jorge Pedro Sousa, da Universidade Fernando Pessoa, 'MemNews' pon o foco na “necesidade de incluírmos o punto de vista da recepción das noticias” no estudo sobre os medios de comunicación, destaca Rodrigues, que incide en que este traballo dará lugar á publicación na rede dunha serie de entrevistas a cidadáns e cidadás de diferentes idades e procedencias. Nese senso, esta investigación busca complementar un proxecto previo, coordinado tamén por Sousa e centrado na elaboración da primeira historia do xornalismo en Portugal. “Era a parte que faltaba a esa historia”, apunta Rodrigues, que realizou esta presentación ao abeiro dunha estadía na Facultade de Comunicación, no marco do programa Erasmus +.
Un dos investigadores participantes nese proxecto previo foi Pena, quen se encargou de coordinar a liña de traballo centrada “no fenómeno xornalístico portugués no exterior”, tanto no referido ás antigas colonias como aos medios e publicacións “asociados á diáspora”. Desta volta, o investigador da Facultade de Comunicación toma parte neste novo proxecto como consultor científico, prestando asesoramento científico discrecional ao investigador principal e ao resto do equipo do proxecto.
Autor de diferentes traballos sobre a prensa portuguesa nos Estados Unidos ou a propaganda da ditadura de Salazar, este catedrático combina actualmente o seu labor de asesoramento neste proxecto co seu papel como consultor científico noutros dúas investigacións financiadas pola Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía lusa. Unha delas, coordinado pola Universidade de Lisboa, céntrase no estudo das campañas de diplomacia portuguesa nos EEUU durante o réxime salazarista, mentres que o outro, liderado polo Politécnico de Lisboa, céntrase no estudo da correspondencia entre a cidadanía e Mario Soares, primeiro ministro portugués entre 1976 e 1978 e entre 1983 e 1985.