DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixidos a toda a cidadanía, este xoves ábrese a inscrición en sete cursos de extensión universitar

Intelixencia artificial, deportes, arte e creación téxtil protagonizan a oferta formativa do campus para o verán 

Desenvolveranse entre os meses de xuño e outubro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/05/2024

Os últimos avances na preparación de futbolistas, o xadrez como ferramenta pedagóxica, a arte téxtil, as relacións entre intelixencia artificial e praxe creadora, a profesionalización no ámbito artístico, a técnica cerámica do raku e a creación téxtil con feltro. Estas sete propostas centran a oferta de cursos de Extensión Universitaria do campus de Pontevedra, que permitirán levar a formación máis aló do ano académico, con propostas abertas a toda a cidadanía, que se desenvolverán nos meses de verán, estendéndose neste caso a programación ata outubro. A inscrición nestes cursos, de entre 20 e 40 horas, poderá realizarse na plataforma Campusactivo desde este xoves 9 de maio e ata que se completen as prazas ou ata 15 días antes do seu inicio.

En conxunto, ofértanse preto de 200 prazas e os cursos contan cuns prezos de matrícula que van dos 40 aos 100 euros, aos que se lles aplica un desconto do 35% ou do 20% para os diferentes colectivos vinculados á UVigo. 

Cerámica e fútbol abren os cursos de verán

Esta programación arrancará o 21 de xuño con Raku, cerámica a lume vivo, un curso centrado nesta técnica tradicional oriental de creación de pezas cerámicas, que se desenvolverá na Facultade de Belas Artes. Dirixida polo profesor Juan Carlos Román, esta actividade contará coa participación como docentes da ceramista Emilia Guimerans, da egresada da facultade e técnica en escultura Teresa Pece e do arquitecto e artista Cipriano Chas. 
 
Tamén en xuño, Ciencias da Educación e do Deporte acollerá a terceira edición do curso Adestramento no fútbol, dirixido polo catedrático Carlos Lago. Centrado nos últimos avances científicos no adestramento de alto nivel neste deporte, contará coa participación de profesionais como Eduardo Domínguez, preparador físico da selección de Marrocos; Félix Fernández, readaptador do Betis; Luis Casais, quen fora preparador físico da selección de Rusia, ou Rubén Crespo, preparador físico do Leeds. Esta facultade acollerá ademais o curso Intelixencia artificial e praxe creadora, dirixido a afondar nas “problemáticas que se enfrontan na relación pedagóxica mediada polo mundo dixital” e a “presentar unha lectura de contexto sobre a intelixencia artificial e o pensamento na aula”. Coa participación de investigadores de Brasil e Colombia e dirixido por José María Pazos, terá lugar do 17 e o 24 de xullo. 

Tamén neste centro, entre o 26 e o 30 de xullo terá lugar Xadrez, un recurso educativo, centrado na aplicacións deste deporte como ferramenta pedagóxica. Dirixido por Iván Martínez, contará coa participación do mestre internacional Pablo García, xerente da Escola Xadrez Pontevedra, e dos responsables do proxecto educativo Castle Project Luis Blasco e Petya Simeonova. Por outra banda, profundar na realidade laboral das e dos artistas, nas súas problemáticas e grao de regulación e protección será obxectivo do curso Profesionalización e sustentabilidade no ámbito artístico, que se desenvolverá en Belas Artes o 15 e 16 de xullo. Dirixido por Iria Vázquez, contará coa participación tanto de artistas e investigadores, como dunha consultora e un avogado especializados na xestión de proxectos culturais.

Creación téxtil en setembro e outubro

Pasado agosto, a programación de Extensión Universitaria retomarase en setembro co curso Residuos, tinguidos e retal. Práctica artística sostible, que permitirá afondar tanto no traballo con materiais reciclados e reutilizados como nos procedementos téxtiles manuais. Dirixido por Marcos Covelo, contará coa participación como docentes de Mirian Cartagena, Carlota Rosón, Lili Goce e Lili Lago e desenvolverase na sede da Fundación RAC. 

Por último, entre o 21 e o 25 de outubro, Belas Artes acollerá Creación téxtil. Feltro e texturas, un taller dirixido pola profesora Lola Dopico. Esta actividade permitirá iniciarse dunha forma práctica na técnica do feltro húmido e no reemprego de materiais para crear texturas, así como na incorporación de elementos non convencionais aos procesos téxtiles, da man da artesá Wédyla Rodrígues.