A través dun convenio coa conserveira Antonio Pérez Lafuente e a Comunidade de Montes de András
O Observatorio da Gobernanza impulsa un acordo para o ‘patrocinio’ dun bosque en Vilanova de Arousa
O seu obxectivo é promover unha rede que engloba diferentes iniciativas deste tipo
Promover unha “rede de bosques atlánticos” a través da implicación de empresas e institucións que contribúan a financiar a preservación e recuperación de diferentes masas arbóreas é o obxectivo dunha liña de traballo impulsada polo investigador do Observatorio da Gobernanza G3 Óscar Briones. O primeiro resultado desta iniciativa é o acordo recentemente asinado entre este grupo de investigación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, a conserveira Antonio Pérez Lafuente SA e a Comunidade de Montes de András, para a preservación dun bosque de frondosas de 16 hectáreas en Vilanova de Arousa.
Como explica Briones Gamarra, a través deste acordo de colaboración, a conserveira comprométese a cofinanciar a preservación deste bosque de castiñeiros, carballos, cereixos e bidueiros. No caso do grupo de investigación, o seu labor centrouse en primeiro termo en exercer como “intermediario”, conseguindo o “patrocinador” e promovendo a sinatura deste acordo, cunha duración de cinco anos e no que o grupo investigador comprométese a xestionar a consecución dun asesoramento técnico nos ámbitos nos que sexa preciso. “En caso de que o necesiten, buscaríamos ese asesoramento forestal no profesorado e especialistas das da UVigo”, apunta Briones, que lembra esta área constitúe “todo un pulmón forestal”, que retén preto de 120 toneladas de CO2 anuais, segundo as estimacións da técnica forestal da Comunidade de Montes de András, Carmen Rial. De feito, lembra o investigador, o convenio non está centrado en promover cambios no modelo de xestión desta masa, senón en contribuír á “manter un ben común”, tendo en conta ademais que esta comunidade de montes xa conta cun plan de ordenación.
Nese senso, o labor do Observatorio da Gobernanza, como “especialistas en políticas públicas”, céntrase nos ámbitos procedimentais e xurídicos, na intermediación cos diferentes axentes e na busca de asesoramento. Ademais, promoverá “accións de voluntariado etnográfico e ambiental” nunha área que conta tamén, lembra Briones, con “importantes restos arqueolóxicos”
O primeiro paso para a creación dunha rede
Como recoñece o investigador, non son moitas as iniciativas de “patrocinio” dun bosque como a impulsada con este acordo, que agarda poida converterse “nunha referencia de xestión a replicar noutras partes de Galicia”, así como nun exemplo de como tamén a través do capital privado e a responsabilidade social corporativa “pódese contribuír á preservación do ben común que representa un bosque”. De feito, o seu obxectivo é que esta iniciativa sirva tamén para que outras empresas ou administracións interesadas no patrocinio de bosques poidan contribuír á posta en marcha de máis acordos deste tipo, no marco da iniciativa Rede de Bosques Atlánticos, impulsada recentemente por este equipo de investigación. Este concepto, lembra Briones, pon o foco na recuperación “do bosque orixinal de Galicia, no que frondosas como o carballo, o castiñeiro, o freixo ou o bidueiro tiñan un papel principal”, dada a súa contribución tanto á retención do CO2 procedente da atmosfera como ao fomento da biodiversidade ou á mellora paisaxística.
“Queríamos aplicar a nosa investigación cun impacto tanxible e cun modelo novidoso que se poida utilizar noutras zonas, cando a iniciativa pública non chega”, apunta Briones, que agradece a implicación da empresa patrocinadora e o compromiso da comunidade de montes para a consecución deste acordo.