Pontenciencia 2024
Do estudo sobre a presenza de bacterias nas moedas do CEIP Ponte Sampaio, á investigación sobre óptica e cámaras escuras do colexio Vidal Portela, pasando pola análise realizada no CEIP Santo André de Xeve sobre os efectos da flora exótica invasora na vexetación autóctona. Alumnado de primaria de nove centros de ensino pontevedreses presentaba na mañá deste venres na Escola de Enxeñaría Forestal os resultados das investigacións que desenvolveu na décimo primeira edición de Pontenciencia, un programa dirixido a achegar á cidadanía unha visión dinámica e atractiva da ciencia que nas xornadas de venres e sábado celebra no campus o seu evento de peche. Trátase da Feira da Miniciencia, na que 455 estudantes de primaria, secundaria e formación profesional defenden os seus proxectos ante un xurado integrado por investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo e do CSIC.
Promovido polo Concello de Pontevedra, co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, co apoio, entre outros, da Vicerreitoría do campus, Pontenciencia arrancou coa defensa das once investigacións que optan aos premios da categoría Ciencia no cole. Tamén cunha visita institucional na que participaron a tenente de alcalde, Eva Villaverde; o concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o secretario da EE Forestal, José Manuel Casas. “Sempre é unha oportunidade acoller unha feira como Pontenciencia”, salientou Lantarón, que destacou o positivo desta iniciativa á hora de “espertar o interese do alumnado pola investigación” e tamén para “dar visibilidade aos nosos centros e titulacións”, dada a participación de profesorado de diferentes facultades e escolas dos campus nos comités que achegaron ao alumnado unha serie de propostas de investigación.
Tres categorías
Nestas dúas xornadas, o comité científico que coordina a profesora da EE Forestal Purificación Marcet encargarase de avaliar os 29 estudos que optan aos premios que se entregarán este sábado. En primeiro termo, puntuaron os once proxectos levados a cabo por 313 estudantes dos CEIP San Martiño, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, Froebel, Ponte Sampaio e Daria González García e dos CPR Sagrado Corazón de Pontevedra, Sagrado Corazón de Placeres e Calasancio. Xa pola tarde, presentaranse outros once proxectos, realizados por 142 estudantes dos IES Luís Seoane, Gonzalo Torrente Ballester e Montecelo, dos CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza e do CFEA Lourizán. Finalmente o sábado defenderanse outros sete proxectos, realizados por familias.
Dous días e 27 actividades coas que achegarse á ciencia
Ademais das presentacións, a EE Forestal acolle un total de 27 obradoiros, boa parte deles impartidos por investigadores e investigadoras da UVigo. Nesta xornada, o alumnado puido participar nun taller sobre ADN da Facultade de Bioloxía, coñecer as múltiples aplicacións dos estudos que se imparten na Escola de Enxeñería Industrial, adquirir nocións de orientación co alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM) ou achegarse ao uso dos satélites na prevención de incendios, da man de investigadoras da EE Forestal.
Esta programación continúa o sábado, con propostas abertas a toda a cidadanía, como os talleres sobre as aplicacións das matemáticas, impartidos por investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ou unha actividade da Escola de Enxeñería Industrial sobre lentes de realidade virtual. Da man do alumnado desta escola, poderá coñecerse tamén o traballo de UVigo Motorsport, Space Lab e CES UVigo, mentres que un taller do Departamento de Química centrase na descontaminación das augas e outra actividade permitirá coñecer os equipos do grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas. Así mesmo, novas propostas do PUM permitirán pintar con luz, xogar o xadrez nun taboleiro xigante ou coñecer un estudo sobre as emocións ligadas á lingua materna ou herdada.