A falta de pechar o último prazo de matrícula

Cun significativo aumento nas matrículas de primeiro, a Universidade emprende o curso 2007/08 con 20.315 estudantes

Máis de 6000 alumnos están matriculados nas enxeñarías

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 28/11/2007
A falta de pechar o último prazo de matrícula, a UVigo emprende o novo curso con 20.315 alumnos matriculados, 12.136 en Vigo, 4712 en Ourense e 3467 en Pontevedra. Esta cifra, correspondente aos alumnos de primeiro e segundo ciclo, confirma unha tendencia á recuperación tras os descensos dos últimos cursos derivados da caída poboacional no tramo de idade que se incorpora aos estudos universitarios.
Un dos datos que confirma este progresivo repunte é o incremento de alumnos matriculados en primeiro no campus de Vigo, que pasou de 2247 no curso 06/07 a 2264 no 07/08, sendo as máis beneficiadas titulacións como Química que pasou de 21 matriculados en primeiro curso a 38, Enxeñaría Técnica de Sistemas de Telecomunicación de 39 a 58, Ciencias Empresariais de 206 a 221 ou Dirección de Administración e Dirección de Empresas que este curso alcanzou 213 estudantes en primeiro.
No campus de Ourense, a modalidade de Mestre en Educación Infantil foi a que tivo un incremento máis notorio, pasando de 71 alumnos matriculados en primeiro a 146. Outra das especialidades de mestre, Lingua Estranxeira, pasou de 27 a 40, Turismo de 50 a 63 ou Ciencias Empresariais de 175 a 185.
En Pontevedra as cifras de alumnos que este curso se incorporan ás aulas universitarias son moi similares as do ano anterior, se ben son varias as titulacións que incrementaron lixeiramente o número de estudantes matriculados en primeiro curso: Enfermería, de 51 a 57; Ciencias da Actividade Física e do Deporte, de 81 a 85; Mestre en Educación Primaria, de 87 a 90; Comunicación Audiovisual, de 41 a 44; Publicidade e Relacións Públicas, de 103 a 106, e Enxeñaría Técnica Forestal de 52 a 53.

Máis de 6000 futuros enxeñeiros

As escolas de enxeñaría, tanto técnica como superior, da UVigo teñen matriculados este curso a 6517 estudantes: 2074 na E.U. Enxeñaría Técnica Industrial, 1778 na ETS de Enxeñeiros Industriais, 1296 na ETSE de Telecomunicación, 764 na ESE de Informática, 391 na ETSE de Minas e 214 na EUET Forestal.
Facultades e escolas de Ciencias Económicas e Empresariais copan tamén un importante número de alumnos, chegando a preto de 4000: 1606 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo, 1092 na EU de Ciencias Empresariais e 1132 na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense.
As diferentes especialidades acollidas nas facultades de Ciencias de Educación son outra das opcións predominantes entre o alumnado, acollendo a matrícula de máis de tres mil estudantes: 1529 en Ourense, 1454 en Pontevedra e 279 en Vigo.

Destacada presenza de mulleres e alumnos estranxeiros

Dos 20.315 alumnos matriculados, o 54% son mulleres, unha tónica que se ven repetindo nos últimos cursos. Seguen sendo maioría nas escolas de Enfermaría e en titulacións relacionadas co maxisterio, no caso da facultades de Ciencias da Educación de Ourense e Filoloxía e Tradución de Vigo representan en ambos casos o 81% do alumnado.
O ámbito científico tecnolóxico segue sendo maioritariamente masculino, se ben hai titulacións como Química, cun 64,8% de mulleres, ou Ciencias do Mar, cun 66%.
O 93 por cento do alumnado é español e, entre o 7% restantes hai representantes de ata preto de 50 nacionalidades dos cinco continentes: países europeos (Alemaña, Austria, Italia, Gran Bretaña...), africanos (Marrocos, Mozambique, Papua Nova Guinea...), americanos (Chile, Colombia, Estados Unidos...), asiáticos (China, Filipinas, Arabia Saudí...) ou Australia.