DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte celebrou un cuarto de século de traxectoria 

25 anos formando persoas que fan mellor á sociedade

O reitor apostou pola creación dun instituto de investigación “baseado na facultade”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/11/2024

Tres graos, cinco mestrados, tres programas de doutoramento e máis de 1400 alumnos e alumnas fan da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte “o motor do campus de Pontevedra”, segundo sinalaba o seu decano, Óscar García, no acto co que este centro conmemoraba este mércores os seus 25 anos de historia. Creada en 1999, tomando o relevo da antiga Escola Universitaria de Profesorado de EXB, a facultade acollía un acto que permitiu tanto “ollar cara o pasado” como “mirar cara o futuro con esperanza”, como destacou o reitor, Manuel Reigosa, que avogou pola creación dun instituto universitario de investigación no campus, “baseado nesta facultade”. As intervencións dos catedráticos con máis antigüidade nos ámbitos das ciencias da educación e das ciencias do deporte, Francisca Fariña e Carlos Lago, permitiron tanto rememorar as orixes da facultade como o seu crecemento neste cuarto de século. Á súa vez, esta conmemoración puxo o foco no papel deste centro formando profesionais que fan mellor a sociedade, como sinalaron os egresados Javier Gómez Noya, cinco veces campión do mundo de triatlón e medallista olímpico, e Judith Rodríguez Menéndez, medallista nos Xogos Paralímpicos de París.

Adscrita á Universidade de Vigo no ano da súa creación, en 1990, a antiga Escola Universitaria de Profesorado de EXB da avenida de Bos Aires, previamente dependente da Universidade de Santiago de Compostela, constitúe o xerme dunha facultade nacida en 1999, coincidindo coa implantación da licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que se sumaba ás diplomaturas de maxisterio en educación física, musical, primaria e infantil. De aí que o decano destacase que a facultade é o resultado da mestura do “pouso dos títulos de maxisterio coa uva nova dun título emerxente”. Da súa "maduración" conxunta xurdiron logo no curso 2009/2010, os actuais graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Educación e do Deporte, implantados no curso 2009-2010. Ao longo deste cuarto de século, neste centro “formáronse promocións de egresados e egresadas que son os nosos mellores embaixadores”, lembrou García, que salientou o labor das decanas e decanos que lle precederon, María Luisa Alonso, José María Cancela, Francisca Fariña e Vicente Romo. 

Un instituto de investigación como reto de futuro

Como unha combinación de “visión, esforzo e talento” da que xurdiron “uns resultados extraordinarios” definiu o reitor a traxectoria dunha facultade que engloba dous ámbitos, educación e deporte, “que tinxen de valores toda a Universidade”. Na súa intervención, Reigosa puxo de relevo o traballo desenvolvido “partindo da nada” por unha facultade que hoxe “amosa uns resultados brillantes, que nos permiten competir con calquera universidade do mundo”. Partindo de aí, chamou tamén a “pensar na seguinte etapa” e avogou por impulsar un instituto universitario de investigación, baseado nesta facultade, que sería o primeiro do campus. “Temos todos os vimbios e a capacidade para facelo”, subliñou o reitor, que destacou o impulso deste agrupamento como un primeiro paso para logo “mirar máis aló” e apostar pola creación dun centro de investigación. Mirando tamén cara o futuro, Reigosa recoñeceu a necesidade de dotar o centro de máis espazos, o que probablemente se inserirá “nunha reordenación completa do campus”, á vez que sinalou á súa aspiración de impulsar nun futuro un dobre grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Fisioterapia.

25 anos de crecemento docente e investigador

Francisca Fariña e Carlos Lago foron os encargados de impartir a lección inaugural neste acto, no que a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor conectou a historia deste centro e da anterior escola coa ética do coidado, que permite “reivindicar unha actitude de comprensión e preocupación polas persoas”. Esa ética, sinalou Fariña, debe “impregnar” tanto o labor das e dos profesionais da educación, como do deporte. Lago, pola súa banda, fixo balance dos “excelentes resultados” en materia de investigación acadados no centro ao longo destes 25 anos. Neste punto, destacou que, desde 1999, a produción científica na área de ciencias do deporte multiplicouse por seis e o número de artigos científicos publicados por 22, contribuíndo á que Vigo figure entre as 300 mellores universidades do mundo neste ámbito no Global Ranking of Academic Subjects (GRAS). 

Unha facultade que forma “cidadáns comprometidos”

Cinco veces campión do mundo de triatlón e medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, Gómez Noya retornou nesta xornada á facultade na que se formou para pór de relevo que, máis aló dos éxitos, o “verdadeiro valor do deporte está en todo o que constrúe o seu redor”, transmitindo valores como compañeirismo, resiliencia, respecto polos demais ou superación persoal. De aí que destacase “a importancia desta facultade, que leva 25 anos formando profesionais comprometidos coa sociedade, non só a nivel técnico, senón tamén nos valores que son o auténtico motor do deporte e da educación”, o que levouno a lembrar ao estudantado que “tendes unha misión moi importante e con máis impacto na sociedade do que imaxinades”, subliñou.

O deporte foi tamén o que levou a Judith Rodríguez, quen se sumou a este acto por videoconferencia, a cursar o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Durante a súa etapa na facultade, lembrou, sufriu o accidente que lle provocou que perdese unha perna e foron os valores que lle trasladou o deporte, destacou, os que lle axudaron a “construír unha nova vida”. De aí que, tras acadar a medalla de bronce nos Xogos Paralímpicos de París, na proba de florete individual de esgrima en cadeira de rodas, lembrase neste acto que na facultade “fórmanse as persoas que formarán as persoas no futuro”, un labor para o que “debemos ter eses valores” que achega o deporte.